A Coruña, 4 de xuño de 2026
A Universidade da Coruña (UDC), a través da súa Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC), pon en marcha o programa “Rumbo EBC”, unha nova iniciativa dirixida ao persoal investigador coa finalidade de impulsar a transformación de resultados de investigación en iniciativas empresariais baseadas no coñecemento.
O programa concíbese como un itinerario integral de maduración de proxectos, orientado a apoiar a activación, desenvolvemento e consolidación de ideas con potencial de mercado, favorecendo a creación de Empresas Baseadas no Coñecemento (EBC ou spin-off) no ámbito universitario.
“Rumbo EBC” ofrecerá un acompañamento personalizado e progresivo, que combina mentoría especializada con asesoramento técnico e legal, co obxectivo de facilitar o tránsito desde a investigación ata a posta en marcha de proxectos empresariais innovadores.
A iniciativa estrutúrase en cinco fases progresivas, que abranguen desde a presentación e detección de iniciativas ata a súa definición e análise de viabilidade. Ademais, inclúe unha liña transversal de obradoiros formativos, orientados a reforzar as competencias en emprendemento, modelo de negocio, aspectos legais e financiamento.
O programa contará con dúas convocatorias anuais, co propósito de facilitar a incorporación continua de proxectos en diferentes estadios de maduración. Non obstante, de maneira excepcional, no seu primeiro ano de implementación, este 2026 realizarase unha única convocatoria.
Con esta iniciativa, a Universidade da Coruña reforza o seu compromiso coa transferencia de coñecemento e a promoción da innovación, contribuíndo á xeración de impacto económico e social a partir da investigación desenvolvida no seu ámbito.
Published by: Gabinete de Comunicación da UDC