Consello do Estudantado

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou na súa sesión de 27 de marzo de 2025 a creación do Consello do Estudantado da UDC, o órgano colexiado que se converte no máximo órgano de representación e coordinación do estudantado dentro da institución académica. O Consello do Estudantado da UDC ten como función principal a defensa dos intereses deste colectivo, canalizando as súas solicitudes e queixas perante os órganos de goberno da UDC.

Ademais, vela polo cumprimento dos dereitos e deberes do alumnado, promove o asociacionismo estudantil e a súa participación na vida universitaria e representa á Universidade no Consello de Estudantes Universitarios do Estado, así como noutras entidades de interese.

Outras funcións destacadas deste órgano son a contribución á mellora da calidade da UDC, a participación nos procesos normativos que afecten ao estudantado e a protección e promoción da lingua galega.