A Coruña, 21 de novembro de 1922-Alloue, Charente, Francia, 22 de novembro de 1996
María Vitoria Casares Pérez, tamén coñecida como Maria Casarès (A Coruña, 21 de novembro de 1922-Alloue, Charente, Francia, 22 de novembro de 1996), foi unha actriz de teatro e cinema galega nacionalizada francesa. Residiu en Francia desde 1936, a raíz do exilio do seu pai, o político Santiago Casares Quiroga, que foi ministro e xefe de Goberno da Segunda República Española baixo a presidencia de Manuel Azaña.
Estudou no Collège Français da Coruña, situado na zona de Riazor, concretamente na avenida da Habana, 4. En 1931 a familia trasladouse a Madrid, onde segue coa súa afección ao teatro no Instituto Escuela, mais por mor da Guerra Civil saíron de España e chegaron a París o 20 de novembro de 1936, logo de pasar por Barcelona, xunto á súa nai e un amigo. Na capital francesa estudou no Instituto Victor-Duruy e coñeceu o matrimonio de actores formado por Pierre Alcover e Gabrielle Colonna-Romano, membros da Comedia Francesa e cos que forxou unha grande amizade. Cursou Interpretación no Conservatorio de París, onde conseguira entrar en 1941. Como resultado dun arduo traballo ingresou nesa prestixiosa institución, na que interpretou a Hermione e Eriphile. Tivo como profesora, e logo a amiga, a Béatrix Dussane e obtivo un primeiro premio de traxedia e un segundo premio de comedia.
O primeiro papel profesional que interpretou foi na Celestina. Atraeu a atención de Jean Marchat e Marcel Herrand, propietarios do Théâtre des Mathurins, que entre 1942 e 1944 montan para ela Deirdre des douleurs de Synge, Le Voyage de Thésée de Georges Neveux, con grande éxito, e Solness le constructeu de Henrik Ibsen.
María Casares coñeceu a Albert Camus o 19 de marzo de 1944 con quen inicia unha relación amorosa. O escritor pon en contacto a María coa Resistencia e os exiliados españois e ela mesma protagonizou varias obras escritas por Camus, como O malentendido, O estado de sitio e Os xustos; tamén representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel. No cinema iniciouse no clásico de Marcel Carné, Lles enfants du paradis, e pouco despois, en 1944, protagoniza As damas do Bosque de Boloña de Robert Bresson.
En 1949 entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular (TNP), compañía pública cun forte compromiso social. Foi a primeira actriz que entra nesta institución sen ser de nacionalidade francesa. Permanece dous anos interpretando importantes papeis, como o de Juana de Arco de Chales Péguy, mais abandona esta institución por non estar de acordo cun concepto teatral demasiado xerarquizado e piramidal. Ademais, participou na creación e impulso do Festival de Aviñón. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo e Anton Chéjov, Ibsen, Eurípides, entre moitos outros.
En 1957 María Casares actuou en Montevideo, dentro dunha xira do TNP dirixida por Jean Vilar por Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile e Perú, onde se encontrou cos exiliados galeguistas e participou en recitais de poesía en lingua galega. Posteriormente, en 1963, puido cumprir o seu soño de ser dirixida por Margarita Xirgu na obra de Federico García Lorca, interpretando a Yerma. Un ano despois volverá de novo cunha peza de Valle-Inclán. Nestas xiras foron numerosas as homenaxes e os encontros da actriz cos exiliados galegos e que, segundo as súas propias palabras, foi como atoparse coa familia.
É tamén naqueles anos sesenta cando comeza a procurar novas linguaxes escénicas contemporáneas, proceso que a leva a traballar con Maurice Béjart, Roger Blind ou Jorge Lavelli. Grazas á xira de À la recherche de Dom Juan, reencóntrase coa súa irmá Esther Casares Quiroga e a súa sobriña en México.
Xa en 1976 volveu a España para representar El adefesio de Rafael Alberti en Madrid, Barcelona e Murcia, mais esta volta resultou unha experiencia decepcionante. Tanto é así que tras esta xira, en 1978, solicita a nacionalidade francesa e non volve actuar no seu país de orixe.
En 1989 outórganlle o Premio Molière á mellor actriz de teatro e é nomeada aos César. Recibiu do goberno francés o Premio Nacional de Teatro, e en España, a Medalla ao Mérito de Belas Artes. Tamén obtivo o Premio Segismundo da Asociación de Directores de España. A súa cidade natal concedeulle o título de Filla Predilecta da Coruña (1984) e a Xunta de Galicia a Medalla Castelao (1988). Tamén foi condecorada coa Lexión de Honra francesa. En 1980 publicou un libro de memorias baixo o título Residente privilegiada (edición en galego do ano 2009 na Editorial Trifolium). En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome.
O 5 de agosto de 1961 María Casares e André Schlesser mercaran a casa e as terras do dominio de La Vergne, no municipio de Alloue, do departamento de Charente, e o 27 de xuño de 1978 casaron. Tras a morte de André, en 1985, os seus fillos Anne e Gilles Schlesser deixaron a María Casares a parte que pertencía a seu pai. Foi enterrada, tras falecer o 22 de novembro de 1996, xunto ao seu marido, no cemiterio do municipio de Alloue. Para lle agradecer a Francia ser para ela unha terra de asilo, María Casares, sen descendentes, doou a este municipio a devandita leira e a casa señorial que hoxe en día se chama "La Maison du comédien-Maria Casarès" e está convertida nun espazo cultural .
María Casares foi un exemplo de actriz comprometida e honesta, recoñecida polo público e mais pola xente do teatro como unha grande intérprete.