Presentación do libroO vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova (Vigo) un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.
O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz.
Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.
Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.
![]()