Os rexistros de PaintHEALTH conteñen datos identificativos das obras pictóricas, enlaces de interese na web, comentarios, así como unha relación de metadatos baseados en MeSH, o tesauro de referencia nas Ciencias da Saúde, que facilitan a súa recuperación nas categorías.
Ao longo dos séculos as Ciencias da Saúde foron obxecto da pintura. A súa representación plástica foi variando en forma e contido de acordo con multitude de condicionamentos, permanecendo invariable como o feito científico se une ao lado humano na práctica da profesión. Así mesmo, as obras de arte foron tamén útiles para documentar a historia da Medicina. A figura do profesional médico como personaxe definido aparece xa presente nas pinturas rupestres do Paleolítico. Eran curandeiros que dominaban rituais que servían como métodos terapéuticos. Nas antigas Grecia e Roma a profesión médica non estaba institucionalizada e incluso non era ben considerada, a excepción dos sacerdotes de Asclepio, deus da Medicina.
Na Idade Media o profesional médico estaba desligado da cirurxía e anatomía prácticas, posuíndo coñecementos baseados nos dogmas de Galeno e Hipócrates que a miúdo conducían a erros fatais pola súa inexactitude. Por outra banda estaban os cirurxiáns prácticos ou barbeiros, que adquiriran coñecementos de cirurxía nos mosteiros e atendían ás xentes humildes a quen lles practicaban sangrías, extraccións de dentes ou operacións menores. A súa actividade deu orixe aos curandeiros charlatáns cuxo modelo permaneceu case inalterable durante toda a historia da arte.
No Renacemento apareceron os primeiros retratos de médicos famosos como Andreas Vesal, primeiro en publicar unha compilación de láminas explicativas e textos sobre as súas investigacións anatómicas. Durante o s. XVII continuouse representando os médicos ambulantes comicamente, surxindo as figuras do médico rural e urbano. O primeiro, de carácter humilde, representábase tratando de impresionar as xentes, mentres que o segundo a miúdo aparecía tomando o pulso a pacientes femininas co fin de encandilalas. O s. XVII é tamén o século dos anatomistas, por convertirse a Anatomía nunha disciplina que foi deixando de lado o dogmatismo medieval e priorizando os feitos baseados na propia experiencia.
Xa no s. XIX os pintores oficiais do Romanticismo preséntano de forma idealizada e humanista, xa sexa en pleno proceso de investigación ou impartindo clases prácticas aos seus alumnos. A pintura realista pola súa parte significou unha revolución á hora da súa representación, pois amósanse a miúdo no exercicio da súa profesión. No s. XX aparece a imaxe do médico de familia, ao cal se acudía por necesidade e costume, e cuxas armas eran a receita, a pastilla e a inxección coa que asustaban aos nenos e adultos.
En canto ás enfermidades estas foron representadas polos artistas unhas veces captando o que acontecía na contorna inmediata e outras con fins puramente estéticos. Estar enfermo foi e é un dos grandes medos da humanidade. Os pintores presentaron este estado de indefensión de diversas maneiras, xa sexa subliñando o sufrimento, a soidade ou a falla de liberdade que comporta. Na Idade Media o enfermo podía ser un mártir afectado polo destino ou un endemoniado que pagaba os seus pecados co sufrimento. Así, cegos, tolleitos e tolos sumidos na pobreza deambulan polas escenas.
Como resultado do culto ao sufrimento alentado pola relixión imperante, xurde a figura do enfermo que permanece na cama atendido por familiares, amigos e médicos mentres espera a morte. O corpo humano, obxecto de coidado dos gregos, e a saúde pública, unha das prioridades dos romanos, quedaron condenados coma orixe do pecado, sendo a enfermidade unha oportunidade de penitencia debido ao sufrimento que implicaba. Se houbo unha enfermidade de consecuencias cruciais na historia da humanidade, esta foi a peste negra ou bubónica, cuxa alta mortalidade a mediados do s. XIV inspirou a artistas a realizar obras onde a enfermidade está representada pola propia morte. Así o tema da morte consolidouse na arte como alegoría da banalidade do terrenal.
O Renacemento e a exactitude representativa dos pintores deste período convertiron o retrato nun catálogo fidedigno en canto ao estudo das enfermedades dos retratados. Por mor da mestría destes artistas na cor e no debuxo poden observarse en ocasións tumores cutáneos, forúnculos, cataratas, roturas de ósos, dermatites, etc. Os pintores flamencos desenvolveron os trazos das personaxes que aparecen en ocasións coma verdadeiros enfermos a punto de caer desvaecidos diante do espectador. No Barroco buscouse a verosimilitude ata chegar a extremos de gran crudeza grazas ao estudo directo de cadáveres de executados. Houbo tamén un interese polo extrano: ananos, retrasados mentais, etc. eran retratados con frecuencia.
A convalecencia ou etapa de recuperación dun enfermo tras superar a crise dunha grave enfermidade foi un dos temas que xurdiu con forza durante o s. XIX. A miúdo eran mulleres novas con aspecto triste e lánguido acompañadas de flores murchas e medicamentos. Tratábase de representacións sombrías, diferentes das enfermas de mal de amores do s. XVII. O Romanticismo propuxo unha visión da enfermidade na que os síntomas se intensificaron ata resultados teatrais, sendo a intercesión de Deus ou do heroe o único que podía salvar os enfermos. As escenas de enfermidade eran nalgúns casos tenebrosas e inquietantes, case expresionistas.
Coa chegada do Realismo mostráronse a miseria e a soidade ás que conducían novas enfermidades da era industrial coma o alcoholismo ou a drogadicción. Xa no s. XX foise concedendo un maior protagonismo a enfermidades ou trastornos físicos e psicolóxicos propios da vida burguesa coma o sonambulismo e a obesidade. A figura do convalecente decaeu debido aos avances da medicina moderna, surxindo a do paciente en plena intervención cirúrxica, completamente inconsciente, mentres cirurxiáns e asistentes se dispoñen a operar.
A pintura tamén recolleu os escenarios onde desenvolveron a súa actividade médicos, enfermeiros, matronas ou boticarios, así como lugares de terapia para a saúde do corpo e da mente, como termas naturais ou baños destinados a augas medicinais. Foi na Grecia antiga onde aparecen as primeiras escenas de consultas médicas segundo o concepto que temos delas na actualidade. En Roma a medicina experimentou un importante avance grazas á aparición de cirurxiáns militares, hospitais de campaña e Escolas de Medicina creadas polos emperadores romanos conscientes da valía dos médicos.
Na arte medieval o enfermo atópase nun hospital ou casa de caridade, en habitacións privadas e ás veces incluso en prazas públicas. No Renacemento os cirurxiáns aparecen retratados en teatros anatómicos rodeados dos seus alumnos e persoeiros. O s. XVIII ou “das luces” viu nacer as institucións especializadas no confinamento de loucos, e no XIX, durante o Romanticismo, os profesionais representábanse en primeira liña de batalla (se ben na realidade, dada a súa importancia, soían estar na retagarda), mentres que durante a estética realista elixíronse unha gran variedade de escenarios.
Tamén o laboratorio se converteu en lugar habitual, sendo representado con pulcritude, orde e luminosidade. Por último, a visión dos hospitais apartouse do modelo de casa de caridade no s. XX, cunha perda paulatina da humanidade no trato ao paciente a medida que avances técnicos e químicos foron dominando as distintas terapias.
IMAXES NA WEB EN