PRINCIPAL ACIMA Da Galiza e da Gallaecia Da poesia Do campo e da cidade em 2002 Da sociedade em 2002 Do ensino em 2002
| |
"Eu teño
que facer unha salvedade de principio. Todos saben que non son economista,
nin son sociólogo, nin son un triste político; o que eu escribín, son
cousas que se me foron ocurrindo sobre a marcha, algunhas xa apuntadas en
ocasións anteriores e agora cun pouco máis de orde. Polo tanto, non
preciso disculparme. Pensei no postulado inicial, na fantasía creadora e
a ela me ateño.
-
Galicia ten
os seus órganos democráticos de plena autoxestión, dentro do
concerto peninsular. O Portugal do norte está federado con Galicia.
-
O país
réxese por un sistema orixinal de socialismo cooperativista, en base
á pequena industria, á economía rural e á pesca á parte.
-
O cine, a
televisión, a radio, a prensa e todos os medios de comunicación
exprésanse en galego e pra Galicia.
-
Dependente
dunha Secretaría de Cultura funciona a Misión Arqueolóxica, con
comités locáis en todas as cidades, vilas e aldeas, integrados por
mozos estudiantes, obreiros e labregos. A súa tarefa principal é a
de excavar e estudiar os castros e lugares de interés arqueolóxico,
especialmente durante as vacacións de vran, baixo a direción de
equipos especializados. Existen Museos locáis, no edificio adicado a
Biblioteca, Auditorio e Sala de Exposicións.
-
Os
escritores, tanto creadores como investigadores, reciben subvencións
en cuantía proporcionada aos traballos que presentan. As obras que,
por algunha razón, non se poden publicar gárdanse na Biblioteca de
Galicia.
-
Os pintores e
escultores tamén están subvencionados, coa obriga de entregaren
parte da súa obra prós Museos locáis.
-
Todo galego
que o pide ten dereito a traballar a súa parcela de terra, de
extensión proporcionada aos días libres que ten ao ano. Pra esta fin
cóntase con terras non lonxe das grandes cidades e vilas. Os
beneficios que se obteñen reverten en obras de axuda ao campo.
-
...
-
...
-
...
-
...
-
...
-
O direito á
vivenda familiar está absolutamente garantizado e ten carácter
prioritario. Toda parella conta coa súa vivenda no momento de
casaren.
-
O ensino é
gratuito en todos os seus grados e obrigatorio até a formación de
2º grado.
-
O ensino
universitario está descentralizado. Cada cidade universitaria ten un
cupo máximo de estudiantes.
-
O labrego ten
garantizada a comercialización e cobertura contra todo risco das
súas colleitas. Un dos renglóns de maior rendabilidade é o cultivo
e explotación de flores, que saen en avións decote pra todo o mundo.
-
O mesmo
acontece coa produción das grandes e pequenas industrias, nas que
destacan as artesanais.
-
Está
proscrito o uso de plástico en todo tipo de envases e demais úteis
onde non sexa de todo imprescindíbel. Pola contra, estimúlase a
fabricación de envases e obxectos de vidro, cerámica e madeira.
-
A Natureza
áchase limpa. A chamada Lei da Terra Virxe impón graves penas
aos contaminadores. As sancións consisten en traballar na limpeza da
propia Natureza.
-
A asistencia
a espectáculos culturáis --cine, teatro, concertos, etc.-- é
gratuita. Hai locáis especialmente destinados a estes fins nas
cabeceiras de bisbarra.
-
Ningunha
poboación rebasa os 300.000 habitantes. Chegado este tope, créanse
poboacións satélites, arredadas polo menos 10 Kms. da principal.
-
Non hai armas
de fogo. A 4 Pes (Policía Popular de Protección Pública) utiliza o
"lanza-sono", que deixa durmidos súpetamente ós que
reciben o seu impacto, que é de cor azul e cheira a malvavisco.
-
...
-
...
-
Nos ríos e
nas rías hai parques de cría de cada caste de peixes e mariscos,
abondo prás necesidades do país. Estes parques funcionan xa desde
antes de se esgotaren as reservas pesqueiras do mundo. Os países que
non teñen rías e que nos botaron das súas augas veñen agora mercar
o peixe e o marisco a Galicia.
-
O consumo de
bebidas alcohólicas está regramentado. Non existe en Galicia un só
caso de alcoholismo.
-
Non hai
tratamentos de respeto nin xerarquía. Cada un chámase sinxelamente
polo seu nome, sen piringallos diante nin atrás.
-
Os nenos e os
vellos teñen a meirande consideración da sociedade. Todo home normal
traballa dende os 20 aos 60 anos. Até os 20 aprende; despois dos 60,
descansa.
-
O ano
divídese en 12 meses de 30 días. Os cinco días sobrantes son de
vacación xeral, non habendo no ano outros días de folga que os
sábados e os domingos. Nun deses días de descanso, que son seguidos
e no promedio do vran, celébrase a Festa de Galicia.
-
A citada
grande festa cívica nacional ten lugar no Dolmen do Pico Sagro, onde
repousan os restos de Castelao, Bóveda, Otero Pedrayo e outros
patricios. A ela concurren, especialmente invitados, persoeiros das
demáis terras da península. Cada ano, por turnos, fai a ofrenda
floral e a loubanza de Galicia un destes representantes. O chamado Lume
Vello, porque se acendeu ao finar o século XX, arde perennemente
no Dolmen do Pico Sagro."
XMAB, 1977 |
De Galicia 2002 a través da imaxinación
creadora. Seminario de Traballo coa participación de X. Alvarez Blázquez,
T. Barros, C. Casares, A. Cunqueiro, M C. Díaz y Díaz, I. Díaz Pardo, F.
Fernández Armesto, C. Fernández de la Vega, J. F. Filgueira, J. Franco Grande,
D. García Sabell, C. González Suárez-Llanos, R. Piñeiro, L. Seoane.
1978. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela, pp. 83-88. |
|