"O ensino
é gratuito a todos os niveis e obrigatorio nos niveis primario e medio.
O nivel primario
ou de iniciación comprende as materias básicas de ciencias e letras.
Encétase nos Xardíns de Infancia, pra seguir nas escolas e grupos
escolares, e remata ao cumplir o alumno os 12 anos. O
nivel medio, dende os 13 aos 17 anos, emparella os estudios equivalentes
aos do Bachillerato superior máis os dunha formación profesional de
primeiro e segundo grado. Estas formación pode ser a dun oficio ou
artesanía --carpintería, ferrería, alfarería, etc.--, dunha
tecnoloxía --mecánica, electrónica, acústica, etc.-- ou dunha arte
--pintura, escultura, decoración, etc.--. Como resultado deste sistema de
ensino, as artesanías galegas, nas súas varias e tradicionais
manifestacións, cobraron un novo pulo e os seus produtos expórtanse a
todo o mundo. O
nivel superior comprende os estudios de Graduado, Licenciado e Doutor, ou
os seus equivalentes. O
ano escolar está integrado por dous cursos de cinco meses, cun máximo de
cinco materias por curso, mailas actividades prácticas e deportivas.
Algunhas materias, pola súa importancia básica dentro da especialidade
correspondente, comprenden un primeiro e un segundo ciclo, que abranguen
cinco meses cada un. O
ensino é fundamentalmente activo, obxectivo e práctico. O estudiante
dispón de toda libertade pra escoller e desenrolar, incluso
cronolóxicamente, as materias optativas. A mesma libertade ten pra
cumprir as horas de escolaridade mínimas esixidas dentro de cada curso e
materia. A
formación físico-deportiva iníciase no ensino primario e mantense ao
longo de todo o tempo de escolaridade. A totalidade dos centros de ensino,
a calquera nivel, dipón de instalacións e campos de deportes. Nas
cidades e vilas mariñeiras préstase especial atención aos deportes
náuticos. Restaurouse a práctica dalgúns vellos xogos galegos, como a
choca, os bolos, o remo nas diversas modalidades e a loita a corpo espido,
polo estilo da que viu en Tui Ambrosio de Morales. As
probas de capacidade e rendimento fanse a petición do propio alumno e
teñen carácter recuperábel. Na derradeira decena de cada curso hai
probas de recuperación parcial ou total que, caso de non ser superadas,
pódense repetir dentro dos tres primeiros meses do curso seguinte. Nas
evaluacións figura sempre algún tipo de probas prácticas. No
desenrolo dos programas tense moi en conta a iniciativa dos alumnos. Pra
elo acúdese ás postas en común --prantexamento dun tema e diálogo
aberto encol del, dirixido polo profesor--. Estes parlamentos pódense
programar de antemán ou xurdir espontaneamente. Especial
atención préstase en todos os niveis de ensino aos traballos en equipo e
actividade de campo. Dentro
do curso programanse sempre varias unidades de interés ou núcleos
interdisciplinarios. Por exemplo, A navegación. Nesta unidade
entran coñecementos de Xeografía, Historia, Física, Dereito marítimo,
Astronomía, Modelismo, Dibuxo, etc., que son impartidos polos respectivos
profesores. Cada núcleo complétase, sempre que é posíbel, con mostras
audiovisuais e prácticas. A
aula ao estilo clásico desapareceu. Agás os laboratorios e obradoiros,
onde están as instalacións de traballo, o lugar onde se imparten as
clases é variábel. De preferencia utilízanse sitios ao ar libre, nos
xardíns anexos á escola; noutro caso, as habitacións do centro, que son
locais de vida comunitaria con mesas e asentos en disposición acolledora
e non uniforme, onde os alumnos e mestres poden disporse a traballar ao
xeito que lles acomode. Os
centros de ensino a calquera nivel colaboran estreitamente cos Museos,
Auditorios e Bibliotecas de que temos tratado na nosa comunicación á IV
sesión de traballo. Do mesmo xeito, cada centro escolar partilla cos seus
equipos nas labouras das granxas comunitarias, misións arqueolóxicas e
demais tarefas comúns de que xa se tratou. Os
estudios de formación agropecuaria e marítimo-pesqueira contan en
Galicia con número bastante de centros de 2º e 3º grado, que teñen
anexos outros de iniciación, dentro do 1º grado. Todo isto responde á
realidade de que as principais industrias galegas do ano 2002 están
vencelladas ás riquezas básicas do país, a saber, agricultura,
gandería e pesca. Nos derradeiros tempos a minería está acadando tamén
un grande desenrolo, polo que os correspondentes centros do ensino vanse
establecendo paralelamente. Todo
estudiante dos niveis medio e superior recibe unha beca, abondo prás
súas necesidades, aínda estando en réxime de internado. Os máis
destacados reciben bolsas de ampliación de estudios no extranxeiro. Ao
rematar os estudios de nivel medio ou superior, todo estudiante ten
asegurado un posto de traballo, gracias ás previsións que o sistema de
socialismo cooperativista vixente en Galicia ten tomado. O
ensino impártese en lingua galega a todos os niveis. Delegacións
estudiantís, mesmo dende o nivel primario, toman parte nas decisións dos
centros de ensino, onde rexe o máis puro, aberto e respetado réxime
democrático. As
vacacións comprenden os meses de Xullo e Agosto, máis dez días polo
Nadal. A xornada do sábado non é lectiva, pro moitas veces aprovéitase
pra excursións ou traballos de campo. NOTA
BENE: Toda
semellanza coa realidade do ensino do ano 1977 é pura casualidade".
XMAB, 1977 |