La Coruña, Colle Nuove Fortificazioni é o nome que reciben 2 planos que describen as fortificacións que protexían a cidade hai 3 séculos. Non se coñece a autoría das obras, pero é moi probable que fose algún enxeñeiro italiano ao servizo do exército español a comezos do século XVIII. A súa presenza foi moi habitual durante máis de 200 anos.
Os 2 planos representan os sistemas defensivos e portuarios, vistos desde diferentes perspectivas e centrados en aspectos complementarios. Así, o primeiro deles ocúpase sobre todo do núcleo urbano (a cittá, o nuovo recinto ou o borgo), mentres que o segundo pon a énfase no mar (a baía, o porto e a entrada marítima).
A Coruña, pola súa posición estratéxica no Atlántico, reforzouse varias veces ao longo da historia. Foi durante a Idade Moderna cando se levantou o complexo sistema defensivo aquí representado.
Descrición física
Título: La Coruña, Colle Nuove Fortificazioni
Data de creación: [ca. 1720-1730]
Volume e soporte: 2 planos de 27,8x18,8 cm,
cunha marca de 17,5x12,6 cm
Escala: Canne 100, o primeiro,
e Passi 300, o segundo
Estado de conservación: bo