Reseña histórica do Campus de Esteiro

A historia das construcións que hoxe acollen o Campus de Esteiro é parte da historia do Hospital de Mariña chamado da Nosa Señora das Dolores porque, se ben é certo que hoxe inclúe varios edificios de nova construción, outros son resultado da rehabilitación dos antigos pavillóns hospitalarios que compuñan o hospital.

Estes pavillóns e a súa arquitectura foron, ademais, parte do patrimonio arquitectónico hospitalario de maior vangarda da súa época, e poden ser considerados como un dos mellores expoñentes da arquitectura hospitalaria galega e europea do seu tempo.

A importancia desta arquitectura é, se cabe, aínda maior, dado que os hospitais desta tipoloxía que existiron no noso país foron escasos. Todos eles naceron a finais do S. XIX e na actualidade desapareceron na súa maioría.

A orixe do Hospital de Esteiro foi un depósito de betumes que máis tarde se destinou a cuartel de tropas. No ano 1762 o Xefe da Escuadra Jorge Juan e os médicos decidiron empregalo e co paso dos anos foi rehabilitado e ampliado en sucesivas ocasións. Mais o deterioro que seguiu obrigou a buscar locais que permitisen acoller os enfermos. Foi entón cando se fixeron arranxos, colocaron contrafortes, repararon cubertas... mais o hospital resultaba insuficiente. Por estes motivos e tamén pola propia configuración do hospital -con salas corridas e enlazadas entre si, favorecendo o contaxio- a Armada estudou en varias ocasións a creación dun hospital de nova construción.

Porén, as penurias do tesouro non permitiron -a pesar dos múltiples proxectos vangardistas presentados- acometer obras que mellorasen as necesidades do servizo ou modificar a súa estrutura e houbo que esperar ata o incendio de 1891 para a súa ampliación. Foi entón, nunha época marcada polos conflitos exteriores e as penurias económicas -guerra de Cuba- cando a raíña María Cristina autorizou a contratación directa coa Societe Nouvelle de Constructions Systeme Tollet de París, que executará o hospital de nova construción solicitado ao longo de 130 anos.

O proxecto definitivo, redactado polo enxeñeiro francés Casimir Tollet, comezou a executarse en 1894 e foi inaugurado o 16 de xullo de 1902, día en que se procedeu á entrada de doentes.

Tollet, enxeñeiro militar francés, propuxo unha solución de pavillóns illados que respondía ás últimas ás últimas tendencias no que a arquitectura hospitalaria se refire. Os mellores hospitais europeos da época respondían a esta tipoloxía e a súa creación supuxo un esforzo económico moi importante para o Estado, en favor da Armada e de Ferrol. De feito unicamente foron construídos en España dous hospitais deste tipo, o hospital de Esteiro e San Juan de Dios de Madrid -na actualidade Gregorio Marañón- hoxe demolido.

Caracterizaba ao sistema Tollet o seu sistema de ventilación mediante bóvedas oxivais que favorecían a extracción de aire viciado, solución tremendamente vangardista nunha época onde se descoñecían as teorías do contaxio e por suposto as teorías de Pasteur e os antibióticos.

O conxunto dos edificios que compuñan o Hospital Tollet foi situado en terreos que foron expropiados ao tempo da súa execución e sumados posteriormente ao terreos existentes, onde seguía a funcionar o antigo hospital.

Finalizadas as obras, o que aínda quedaba en pé do vello hospital foi derrubado -1910- salvo a portada principal, e posteriormente -anos 40- no seu emprazamento, o Consello Ordenador das Construcións Navais e Militares da Factoría de Ferrol construíu un edificio destinado a Pavillón de Medicina, co fin de albergar 300 camas. Este edificio constituíu o ingreso principal a todo o conxunto e na actualidade, tras a súa rehabilitación, está ocupado pola Escola Politécnica Superior.

Ao redor destas datas foi erixido tamén un pavillón de nova construción destinado a Xefes e Oficiais segundo proxecto do que foi arquitecto municipal e da Armada, D. Rodolfo Ucha Piñeiro, cuxa forma en andar respondía á do baluarte próximo, que fora demolido coa muralla da cidade. A Armada puido, deste modo, ampliar os terreos -expropiación da zona polémica- do hospital.

Este edificio, obra dun dos arquitectos modernistas galegos máis importantes, foi rehabilitado tamén para albergar a Escola Universitaria de Enfermaría.

Froito dos traballos da Empresa Nacional Bazán e da súa sección de Obras Civís foi o edificio da rúa San Ramón, que se destinaba dentro do Hospital a Clínica Xinecolóxica, e para cuxa construción no ano 1968 foi preciso derrubar varios pavillóns dun andar que formaban parte do conxunto Tollet. Este edificio, hoxe tamén rehabilitado, ocúpao a Escola Universitaria de Relacións Laborais.

Pasados os anos e a pesar do seu mantemento, a Armada construíu noutros terreos -década dos 80- o actual Hospital Naval. Foi entón cando Defensa cedeu ao Concello de Ferrol o terreo edificable e os edificios pertencentes ao hospital antigo, e este último en sesión plenaria de 10 de xuño de 1990 aprobou o convenio coa Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Defensa, polo cal se estipulaba a entrega do Ministerio ao Concello para o seu destino a usos universitarios. Após a sinatura do documento da cesión, desaloxáronse os edificios, facéndose cargo deles o Concello o 3 de outubro do mesmo ano.

O 20 de xaneiro de 1992, de forma oficial, a Comisión de Goberno do Concello de Ferrol puxo a disposición da Universidade da Coruña as instalacións do antigo Hospital de Esteiro.

Desde entón, a Universidade da Coruña rehabilitou todo o conxunto, destinando parte dos edificios hospitalarios a varias titulacións académicas e edificando tamén outros de nova construción, todos eles de acordo ao Plano Especial redactado para este fin.

Por último, o derribamento das barreiras defensivas realizadas con tapias opacas de case catro metros de altura, que rodeaban o seu perímetro e propias dun recinto militar, desapareceron, dando lugar á integración dun recinto universitario moderno no barrio de Esteiro.

Edificios do Campus de Esteiro:

  • Edificio de Usos Administrativos

    Edificación de nova construción -Universidade da Coruña, 1999- que ocupa o espazo arrimado á muralla de cerramento do que foi o "Hospital da Nosa Señora das Dolores", chamado vulgarmente "Hospital de Mariña", onde se situaban diversos almacéns e un garaxe.

    Na actualidade acolle a Vicerreitoría, o Rexistro Xeral e espazos administrativos.

    Arquitectos: D. Eduardo e D. Francisco Caridad Yañez

    Construtor: Obrascon-Huarte

  • Salón de actos e despachos

    Pavillón denominado número catro e destinado a sifilíticos no Proxecto de "Hospital da Nosa Señora das Dolores", obra do enxeñeiro militar francés Casimir Tollet -1894- anos máis tarde, destinado a Pavillón de Especialidades, "Oftalmoloxía e Odontoloxía".

    Os seus dous andares dispuñan de dúas salas de doentes cada unha, cubertas por bóvedas oxivais específicas que permitían e favorecían a ventilación natural no que foi o hospital máis vangardista de Galicia, de España e da Europa do seu tempo. A reforma e rehabilitación por parte da Universidade da Coruña foi realizada en 1996.

    Arquitecto autor da reforma: D. Jose Antonio Franco Taboada

    Construtor: Constructora San José

  • Escola Politécnica Superior

    Antigo pavillón de Medicina destinado a trescentas camas para suboficiais, policlínica e servizos xerais, construído ao redor de 1945 polo "Consello ordenador das construcións navais e militares" e a súa "factoría de Ferrol" sobre o terreo edificable do primitivo "Hospital da Nosa Señora das Dolores", que comezou a cumprir funcións sobre un antigo depósito de betumes en 1761 e que, tras numerosas ampliacións, foi destruído parcialmente polo lume o seis de febreiro de 1891. O edificio foi rehabilitado pola Universidade da Coruña en dúas fases que se iniciaron en 1991 e 1994 respectivamente.

    Na actualidade acolle as titulacións de "Enxeñaría Industrial" e "Enxeñaría Naval e Oceánica".

    Arquitecto autor de la reforma: Grupo “DESGA”

    Construtor: Constructora San José

  • Centro de Investigacións Tecnolóxicas

    Pavillón denominado número dous bis destinado a Cirurxía no Proxecto Tollet -1894- para o "Hospital da Nosa Señora das Dolores". Ten unha distribución idéntica á do pavillón número dous destinado a Medicina -na actualidade "Escola Universitaria de Deseño Industrial"-.

    Os seus dous andares dispuñan de dúas salas de doentes, cada unha das cales se atopaba cuberta por medio de bóvedas ventiladoras -véxase a descrición en Salón de Actos e Despachos- tipo Tollet.

    Na actualidade acolle espazos destinados á investigación. Aloxa tamén a sede provisional da "Fundación Río do Pozo".

    Arquitecto autor da reforma: D. Jose Antonio Franco Taboada

    Construtor: Constructora San José

  • Edificio de obradoiros tecnolóxicos de Enxeñaría

    Edificio de nova construción -Universidade da Coruña, 2001-. Premio de Arquitectura Rodolfo Ucha 2003.

    Ocupa o espazo correspondente a unha zona do Camiño de Ronda da Antiga Muralla da cidade -zona polémica, 1928-. No Proxecto Tollet (1894) este espazo non pertencía ao "Hospital da Nosa Señora das Dolores" e, após a súa cesión por parte do Exército de Terra -Guerra-, foi construído neste emprazamento un edificio de planta baixa que incluía unha sala para cento dez camas -1940-. Con posterioridade, -1946 aloxou vinte e dúas camas máis e celas para tolos e presos.

    Arquitectos: D. Carlos Meijide Calvo e D. Jorge Meijide Tomás

    Construtor: José Malvar Construcciones, S.A.

  • Edificio de apoio ao estudo

    Edificio de nova construción -Universidade da Coruña, 2001-. Premio de Arquitectura Rodolfo Ucha 2001 para obra de nova construción.

    Ocupa o espazo do Camiño de Ronda da Antiga Muralla da cidade -zona polémica, 1928-. No Proxecto Tollet (1894) este espazo non pertencía ao "Hospital da Nosa Señora das Dolores" e, após a súa cesión por parte do Exército de Terra -Guerra-, foi construído un edificio de andar baixo que formaba conxunto co que na actualidade -2004- ocupa o edificio de Obradoiros Tecnolóxicos.

    Inicialmente foi destinado a dormitorios de mariñeiría -cento dez camas- e con posterioridade -1946- a cociñas e comedores de dotación.

    Unha parte deste terreo edificable tamén acolleu, desde 1943 ata 2000, un depósito de cadáveres. Esta zona hoxe, en case a súa totalidade -Avenida de Vigo, esquina rúa Antelo- está destinada a xardíns.

    Arquitectos: D. Joaquín Fernández Madrid e D. Pedro Iglesias Pereira

    Construtor: COPASA

  • Facultade de Humanidades

    Pavillón de Servizos Xerais e Dirección do primitivo "Hospital da Nosa Señora das Dolores" -1894-. Tamén era residencia das "monxas" -Irmás da Caridade-.

    Foi bautizado na súa orixe co nome de San Ramón. Desde entón, o que foi pavillón número dez, sufriu constantes modificacións. Quizais a galería que hoxe puidese parecer o máis representativo do edificio, sexa a máis significativa modificación, engadida ao redor de 1950 e non pertencente por tanto ao proxecto orixinal Tollet.

    Na actualidade acolle as instalacións da Facultade de Humanidades.

    Arquitecto autor da reforma: D. Alfredo Alcalá Navarro

    Construtor: Constructora San José

    Escola Universitaria de Deseño Industrial - aulario

    Premio de Arquitectura Rodolfo Ucha 2001 para obra de rehabilitación.

    Antigo edificio do Proxecto Tollet destinado a Pavillón de Medicina, denominado pavillón número dous e con idéntica distribución ao número dous bis que hoxe ocupa o Centro de Investigacións Tecnolóxicas -véxase máis arriba a descrición deste edificio-. A reforma e rehabilitación da Universidade da Coruña é do ano 2000.

    Arquitecto autor da reforma: D. José Fernández Salas

    Construtor: ACS

  • Escola Universitaria de Enfermaría e Podoloxía

    Pavillón de Oficiais do Antigo "Hospital da Nosa Señora das Dolores", obra de Rodolfo Ucha Piñeiro en construción en 1940. Ocupa unha parte do Camiño de Ronda da antiga muralla da cidade -zona polémica- cedida ao Hospital polo Exército de Terra -Guerra-. O seu trazado en andar corresponde á forma do baluarte da muralla que se alzaba na súa proximidade.

    Rodolfo Ucha foi entre 1912 e 1915 arquitecto da Armada, e posteriormente arquitecto municipal de Ferrol. Considérase o mellor arquitecto modernista galego, con innumerables exemplos na cidade de Ferrol. Para este edificio, Ucha deseñou tamén algúns mobles e lámpadas que, por desgraza, desapareceron.

    Arquitecto autor da reforma: D. Felipe Peña Pereda

    Construtor: Necso Entrecanales y cubiertas

  • Escola Universitaria de Relacións Laborais

    Construción realizada para pavillón de Tocoxinecoloxía, segundo un proxecto de 1969 realizado polo "Servizo Técnico de Casco e Máquinas e Instalacións Navais en Terra" do "Arsenal de Ferrol".

    Ocupa o anterior emprazamento dun edificio de andar baixo e soto correspondente ao Proxecto de "Hospital da Nosa Señora das Dolores" -Tollet 1894-, destinado a servizos varios -estufa, desinfección, carpintaría, despensas, obradoiros de forxa, etc.- que foi demolido na primeira década do século XX.

    Arquitecto autor da reforma: D. Vicente Fernández Couto

    Construtor: Necso Entrecanales y cubiertas

    Con posterioridade o Servizo de Obras da Universidade da Coruña realizou numerosas reformas.

  • Centro de Investigacións Tecnolóxicas 2

    Pavillón denominado número oito destinado a presos no Proxecto de "Hospital da Nosa Señora das Dolores" -Tollet 1894-. Con posterioridade foi destinado a Pavillón de "Clases" -suboficiais- e nos últimos días do hospital, a "Sala de Recoñecementos". Bautizouse co nome de "García Loranca" en honra a este insigne médico morto en Filipinas en 1874. É o único exemplo de pavillón de andar baixo e soto que chegou ata os nosos días, xa que os restantes foron demolidos, de aí a súa importancia.

    Foi rehabilitado en 1994 para usos de comedor universitario pola Universidade da Coruña e, aínda que cun escaso orzamento, foi respectado tanto o seu cerramento orixinal como a bóveda ventiladora do Proxecto Tollet que, de acordo aos datos dispoñibles, é única no mundo dentro da súa tipoloxía.

    Arquitecto autor da reforma: Dª. Mercedes Insua Cabanas

    Construtor: IMASA

  • Centro Cívico Universitario (edificio en contrución)

    Antigo Edificio de Extensión Universitaria. O Servizo de Extensión Universitaria do campus está localizado provisionalmente no Edificio de Apoio ao Estudo. O servizo de cafetaría préstase provisionalmente no Comedor Universitario.

    Pavillóns destinados a farmacia e almacén de farmacia -edificio rectangular e soportal posterior- construídos ao redor dos anos 40 polo "Consello ordenador das construcións navais militares" e a súa "factoría de Ferrol".

    As reformas posteriores foron realizadas pola Universidade da Coruña en catro fases:

    A primeira, en 1990, permitiu a reforma do andar baixo do edificio rectangular, que foi destinado a cafetaría. O proxecto foi do grupo DESGA.

    A segunda reformou o edificio anexo, composto por dous andares e baixo cuberta. A arquitecta foi: Dª. Mª. Isabel Fernández Ibáñez.

    A terceira reformou o primeiro andar do edificio rectangular. A arquitecta foi: Dª. Mercedes Insua Cabanas.

    Reordenouse e modificouse a cafetaría en 2002 segundo o proxecto do Servizo de Obras da Universidade da Coruña.

    A finais do ano 2005 derrubouse o edificio co fin de construír o Centro Cívico Universitario para acoller varios servizos centrais do campus, a cafetaría-comedor, unha tenda e mais unha libraría e varios espazos multiusos.

  • Casa do Patín

    Edificio de vivendas de 1750 rehabilitado polo Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña para usos de Biblioteca Universitaria.

    A azarosa historia deste edificio obríganos a ser breves en canto á súa historia, ligada á desaparición do vello barrio de Esteiro. A súa construción, completamente arruinada xa nos anos setenta do século XX, foi no entanto mantida durante anos en que lle foron asignados moi diversos usos.

    En 1996 o alcalde de Ferrol e o reitor da Universidade da Coruña ratificaron a súa incorporación ao conxunto universitario de Esteiro.

    Arquitecto: D. Miguel Ángel Crespo

    Construtor: Dragados

Textos: Dª Mercedes Insua Cabanas: Doutora Arquitecta, Catedrática de E.U. da Universidade da Coruña. Autora do libro “Arquitectura Hospitalaria Galega de Pabillóns” publicado pola Universidade da Coruña en 2002.