Acordo do Consello de Goberno sobre directrices e recomendacións de filiación institucional para as publicacións de investigadores da UDC

Aprobado polo Consello de Goberno do 27 de febreiro do 2014

Dentro da estratexia de mellora dos resultados da investigación da Universidade da Coruña, a visibilidade dos documentos de investigación nas bases de datos indexadas constitúe un aspecto fundamental.

O aumento desta visibilidade forma parte das liñas do Plano Estratéxico 2013-2020 aprobado polo Claustro na súa sesión do 4 de decembro do 2013. Ademais, a correcta identificación e vinculación de publicacións científica á UDC é un elemento imprescindible para a correcta elaboración de índices e indicadores, aspecto este de grande transcendencia no financiamento da nosa institución.

Para acadar esa correcta identificación e vinculación de publicacións científicas á UDC, cómpre que a filiación dos investigadores e grupos da UDC que figuran nas publicacións e resultados de investigación satisfaga unhas normas xerais que faciliten a visibilidade e a obtención de indicadores.

O obxectivo destas directrices é, en consecuencia, duplo: que en todas as publicacións realizadas por investigadores da UDC apareza sempre citada a Universidade; e que esa cita sexa homoxénea, para que as bases de datos internacionais indexen a publicación tamén de xeito homoxéneo.

Neste sentido, faise preciso que toda publicación ou contribución científica se asine sempre co nome normalizado do autor/autores e da UDC, incluíndose sempre esta filiación institucional. A este efecto, e por proposta da vicerreitoría de investigación e transferencia, o Consello de Goberno do 27 de febreiro do 2014 aprobou as seguintes directrices e recomendacións.

PRIMEIRO

Como criterio xeral, tras o nome do seu autor/a, na filiación das publicacións dos investigadores e investigadoras da Universidade da Coruña deberán ordenarse os campos de información do seguinte xeito

#1: Nome do Grupo de investigación
#2: Nome do Instituto de investigación ou Centro do parque tecnolóxico da UDC
#3: Departamento de ***
#4: Facultade ou Escola de ***
#5: Universidade da Coruña
#6: Campus de A Coruña ou Ferrol
#7: Código postal e cidade
#8: País (España ou Spain)

SEGUNDO

O campo #5 é obrigatorio sempre, e coa denominación de Universidade da Coruña, sendo os restantes obrigatorios cando proceda. Os campos #3, #4 e #6 teñen especial importancia para os indicadores.

TERCEIRO

Recoméndase pór os nomes no idioma orixinal, e no suposto de que fora necesario referenciar adicionalmente á institución en inglés, a forma utilizada será “University of A Coruna”.

En caso de ser necesario, e só por restricións de espazo, poden usarse abreviaturas ou siglas como: Univ. A Coruña, Fac., Esc., Dep., CITIC, CIT, CICA, CITEEC, INIBIC, CHUAC.

CUARTO

O código postal 15071 é o código de correspondencia para organismos oficiais na cidade de A Coruña e pódeno utilizar todos os centros da UDC do Campus de A Coruña. Para Ferrol tamén existe un código análogo que é o 15471.

QUINTO

No caso de centros mixtos dependentes de varias institucións, cómpre especificar o nome do centro e das institucións das que depende.

Seguindo esta recomendación, a Comisión de Investigación do INIBIC acordou que a filiación para os investigadores de grupos de investigación adscritos ao INIBIC (sexan persoal da UDC ou do SERGAS) debe adecuarse ao seguinte formato:

Nome do Grupo, Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), SERGAS, Universidade da Coruña, 15006 A Coruña, Spain

SEXTO

Cando se realicen estadías fora da universidade, o persoal deberá manter a filiación coa Universidade da Coruña. O persoal investigador doutras institucións que realice estadías na UDC filiará á Universidade da Coruña as publicacións que total ou parcialmente estean relacionadas coa dita estadía.

SÉTIMO

Como exemplos de filiación correcta, poden terse os seguintes:

Exemplo do campus de A Coruña:

Nome do Grupo, Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), Departamento de ***, Facultade de ***, Universidade da Coruña, Campus de A Coruña, 15071 A Coruña, Spain

Exemplo do campus de Ferrol:

Nome do Grupo, Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), Departamento de ***, Escola ***, Universidade da Coruña (UDC), Campus de Ferrol, 15471 Ferrol, Spain

Exemplo do INIBIC (investigador do CHUAC):

Nome do Grupo, Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), SERGAS, Universidade da Coruña, 15006 A Coruña, Spain

Exemplo do INIBIC (investigador doutro centro da UDC):

Nome do Grupo, Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), SERGAS, Departamento de ***, Facultade de ***, Universidade da Coruña, Campus de A Coruña, 15071 A Coruña, Spain

Documento en pdf