Autor: Oscar Fuertes Dopico
Centro y tipo de trabajo académico: Universidade da Coruña. Escuela Técnica Superior de Arquitectura. Tese de doutoramento.
Fecha: 2015
A construción de barcos de madeira, de longa tradición multisecular en España e Portugal, recibe o nome de carpintaría de ribeira, e é, actualmente, unha actividade tradicional de carácter artesanal realizada por pequenas empresas dedicadas á construción e reparación de embarcacións de madeira.
O carpinteiro de ribeira, preséntase como un artesán polivalente, capaz de utilizar toda a súa sabedoría e destreza técnica tanto na construción de embarcacións de madeira, coma no deseño e construción do seu propio taller: as carpintarías de ribeira. Os talleres están situados en lugares estratéxicos ao longo da costa atlántica, no seu inicio xorden como pequenos alpendres para salvagardar as ferramentas, ata chegar a converterse en destacadas edificacións, construídas en madeira, para dar acubillo e protección durante o proceso de construción da embarcación.
O propósito desta investigación céntrase na localización, levantamento gráfico, análise e estudo das carpinterias de ribeira tradicionais existentes ao longo da costa galega, as cales están en risco de desaparición. O método de estudo de casos, permitirá aproximarse ao obxecto de estudo a través da análise das edificacións dentro dunha perspectiva etnográfica, arquitectónica e construtiva que permita a comprobación das preguntas de investigación formuladas.