O Comité Científico

O Comité Científico está composto por expertos recoñecidos en diversas disciplinas relacionadas co patrimonio marítimo e cultural de Galicia. A súa labor é garantir o rigor académico e técnico do censo, contribuíndo coa súa experiencia e coñecementos á elaboración do censo.

Metodoloxía de traballo do Comité Científico

O Comité Científico aplica unha metodoloxía de traballo orientada a garantir o rigor, a coherencia e a calidade do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia.
A súa participación estrutúrase nas seguintes fases:

1. Coordinación e planificación
Cada experto/a participa en catro obradoiros de debate convocados polo PCUMA, onde se establecen as directrices comúns, os criterios metodolóxicos e o reparto territorial do traballo. Estas sesións permiten coñecer o estado xeral do proxecto e coordinar as actuacións co resto do equipo.

2. Revisión técnica e validación de bens
Revisión do listado de bens asignados á súa zona de estudo, contrastando a información recollida polos técnicos do PCUMA. Esta revisión abrangue:
    • A comprobación da localización, tipoloxía e descrición de cada ben.
    • A avaliación da súa relevancia patrimonial e estado de conservación.
     •A detección de erros, duplicidades ou omisións.

3. Propostas de novos bens e revisión in situ
O Comité ten tamén a responsabilidade de propoñer a incorporación de novos bens non incluídos inicialmente no Censo, fundamentando cada proposta mediante referencias bibliográficas, cartográficas ou testemuñais. Sempre que sexa posible, realizaranse visitas de campo selectivas a determinados bens ou conxuntos patrimoniais, co obxectivo de contrastar información, avaliar o seu estado e obter documentación fotográfica complementaria.

4. Aportación teórica e documental
Cada membro contribúe co seu coñecemento especializado mediante: A achega de bibliografía e fontes documentais relevantes, e participación na definición conceptual e tipolóxica dos bens e categorías patrimoniais.

5. Avaliación e síntese final
Unha vez completada a revisión individual, realízase unha sesión colectiva de avaliación, na que se contrastan as observacións persoais, se consensúan os criterios de inclusión e se validan as actualizacións finais do Censo.

 

Tarefas do comité científico

Cada membro do comité científico deberá:

  1. Asistir ás reunións a modo de obradoiros de debate sobre o estado do patrimonio na sede do PCUMA.

  2. Participar de xeito eficaz nas actividades propostas nos obradoiros.

  3. Abordar unha visión de conxunto, a través da análise, escoita e observación do traballo creado e estruturado para os ámbitos nos que se articulan os subsistemas da cultura marítima galega, co fin de enriquecer o debate.

  4. Aportar todo o que considere oportuno, desde a súa experiencia, para a mellora do censo.

 

Composición do comité científico

Dr. Juan José Creus Andrade.

Arquitecto e profesor titular na Universidade da Coruña, é doutor en Arquitectura con Premio Extraordinario. Especialista en proxectos de intervención no bordo litoral galego, recibiu numerosos premios nacionais e internacionais, como o Premio Europeo de Espazo Público Urbano (2024) e o FAD de Cidade e Paisaxe (2023). Participou en varias edicións da Bienal de Arquitectura de Venecia e liderou proxectos emblemáticos como a remodelación dos portos de Malpica, Porto do Son e Fisterra. Membro do grupo de investigación “Galicia Cidade e Territorio”, destaca pola súa ampla produción académica e divulgativa sobre arquitectura da paisaxe e patrimonio marítimo.

Iago Fernández Penedo.

Arquitecto con formación internacional en deseño e enxeñería da madeira, é cofundador do estudo Fuertespenedo arquitectos, centrado na integración de conceptos de sustentabilidade, preservación do patrimonio e rehabilitación, especialmente en proxectos vinculados ao ámbito marítimo e industrial. Galardoado con múltiples premios, como os da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (2021 e 2023), ten desenvolvido proxectos vinculados ao patrimonio industrial e marítimo, como a rehabilitación e a musealización da carpintería de ribeira Estaleiro tradicional Ciprián. Autor de artigos e relator en congresos especializados, combina a práctica profesional coa docencia universitaria e a divulgación cultural.

Dr. Óscar Fuertes Dopico.

Doutor Arquitecto pola ETSAC, galardoado co Premio Extraordinario de doutoramento e recoñecido na XIV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo pola súa tese As carpinterías de ribeira en Galicia: a recuperación das súas arquitecturas. Profesor na Universidade da Coruña desde 2019, compaxina a docencia coa práctica profesional como socio do estudo Fuertespenedo, premiado en certames como BEAU, COAG e FAD. A súa investigación céntrase no patrimonio marítimo, sendo investigador principal en proxectos autonómicos, nacionais e europeos como SEALabHaus, que pon en relación o patrimonio marítimo galego co Atlántico europeo e con outras disciplinas como o turismo, a arte, a profesionalización e a sustentabilidade. Desde 2021 dirixe o Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA), promovendo unha visión estratéxica e interdisciplinar para a preservación da cultura mariñeira.

Dr. Manuel Lara Coira.

Doutor Enxeñeiro Industrial e diplomado en Enxeñaría Ambiental, foi profesor na Universidade da Coruña ata a súa xubilación. Presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial, e da Comisión de Patrimonio Industrial da FAIIE, e membro do Consello de Redacción de Nova Ardentía, revista da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) a través das que desenvolve unha extensa labor de investigación e divulgación do patrimonio industrial e marítimo galego. Autor de numerosas publicacións sobre a industrialización na ría de Ferrol e outros enclaves costeiros, relator en congresos internacionais, liderou proxectos de recuperación patrimonial con impacto europeo e promoveu rutas culturais e iniciativas de musealización que conectan industria e mar como elementos dinamizadores do territorio.

Lino Lema Bouzas.

Enxeñeiro Agrónomo con ampla experiencia na administración pública, desenvolveu unha destacada traxectoria vinculada ao mar e ao patrimonio marítimo galego. Foi Xefe de Servizo en Extensión Pesqueira e Desenvolvemento Pesqueiro na Xunta de Galicia,  desenvolvendo proxectos estratéxicos para o sector marítimo. Coordinador de proxectos europeos centrados na preservación das embarcacións tradicionais e na formación en carpintería de ribeira. Membro activo de entidades como o Museo do Pobo Galego e o Órgano de Salvagarda das Técnicas Tradicionais da Carpintería de Ribeira, continúa promovendo o coñecemento e a valorización do patrimonio marítimo galego a través de proxectos de formación e divulgación. Impulsou a rehabilitación de infraestruturas culturais costeiras e colaborou en exposicións e publicacións sobre cultura mariñeira.

Santiago Llovo Taboada.

Licenciado en Dereito e funcionario da Administración Autonómica Galega, é un destacado historiador afeccionado especializado na memoria marítima das comunidades costeiras. Autor de máis dunha decena de libros sobre a historia das salgaduras, conserveiras e carpintería de ribeira en Galicia, como Memoria salgada dun pobo ou Mar de Outes, contribúe á preservación da cultura mariñeira a través da investigación local, a divulgación escrita e a participación en charlas e actividades culturais.

Dra. Iria Sobrino Fagilde.

Arquitecta e doutora pola Universidade da Coruña, especializada en rehabilitación e urbanismo sostible, é fundadora do estudo noncommon, centrado na investigación sobre patrimonio industrial e cultural. Ten desenvolvido proxectos como o Plan de Usos de La Panificadora de Vigo e o Inventario-Catálogo da Ría de Vigo, combinando arquitectura, arte e memoria. Relatora en congresos e eventos culturais, destaca pola súa labor divulgativa en museos e exposicións, así como pola creación de rutas culturais e proxectos expositivos que visibilizan o patrimonio industrial galego desde unha perspectiva contemporánea e crítica.

Equipo técnico de investigación

Oscar Fuertes Dopico

Director do Plan

Pablo Fraguela Casas 

Carmen Fabregat Nodar

Mariedilia Schwarzenberg Estévez 

NOSO Cooperativa

Cronoloxía dos obradoiros

A continuación, recóllense as datas de celebración dos obradoiros realizados e o seu contido:

Xullo de 2024: Sesión de coordinación estratéxica para a selección de asesores e definición de liñas temáticas dos obradoiros.

Novembro de 2024: Debate sobre a definición do Patrimonio Marítimo Inmoble. Reflexión sobre as tipoloxías e sobre a necesidade ou non de incluír determinadas tipoloxías no Censo. Breve debate sobre as limitacións do Censo.

Xaneiro de 2025: Reflexión en detalle sobre os criterios de selección e catalogación.

Xullo de 2025: Revisión pormenorizada dos elementos incluídos no Censo por ámbitos xeográficos.

Setembro de 2025: Síntese e conclusións dos resultados do proceso.