Xunta, Delegación do Goberno, Concello, Deputación, Clúster TIC e Universidade da Coruña inaugurarán a Cidade das TIC este venres

Nota de prensa

17/10/23 16:08

  • Institucional
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurará o Centro de Servizos Avanzados xunto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.
  • As empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene ocuparán o CSA, que contará tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de media e un de dispositivos intelixentes; así como un coworking e un espazo showroom.
  • O CSA porase en marcha a continuación do acto inaugural cun evento sobre intelixencia artificial e empresa, con expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Telefónica.

 

A Coruña, 17 de outubro de 2023.- O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurará este venres, 20 de outubro, ás 10:30 horas o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC (Avda. Pedralonga), o Centro de Servizos Avanzados (CSA), nun acto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

O edificio, de 5.000 metros cadrados, acollerá ás empresas Imatia, cinfo, ITG, Xoia Extending Reality, Enxenio e Odeene. Ademais, na planta inferior haberá un showroom que funcionará como espazo versátil para o deseño e formación nas últimas tecnoloxías e produtos do sector TIC galego. Durante a inauguración expoñerase nesta sala unha mostra da tecnoloxía que se está desenvolvendo actualmente en Galicia con información sobre empresas, produtos e demostracións específicas relacionadas coa intelixencia artificial, as tecnoloxías multimedia e os dispositivos electrónicos. O CSA contará tamén con tres laboratorios de innovación de uso compartido entre os socios do Clúster TIC Galicia, un de intelixencia artificial, outro de media e un de dispositivos intelixentes, así como un coworking.

O Centro de Servizos Avanzados é unha sociedade participada por Clúster TIC, UDC, Altia, Plexus, cinfo, Imatia, Itelsis, Aldaba, ITG, Dos Espacios, VisualPublinet, Librebit e Xoia. O proxecto do CSA ten un coste inicial de 5,2 millóns de euros, para a rehabilitación do edificio, unha das naves da antiga Fábrica de Armas da Coruña, máis o equipamento dos laboratorios, e contou cun financiamento de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia a través do Igape.

Ademais, nestes momentos o Concello da Coruña está acondicionando os accesos á Cidade das TIC, os servizos de enerxía, comunicación e augas e a urbanización interna cun investimento de tres millóns de euros.

 

Evento TIC: IA e empresa

Nada máis inaugurarse, ás 12:15 horas, o CSA porase en marcha cun evento TIC sobre intelixencia artificial aplicada á empresa no que participarán expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica. O evento TIC comezará cunha charla moderada por Antonio Rodríguez del Corral, con Alberto Pan e Daniel Lender, Chief Technology Officer e Chief Financial Officer de Denodo, respectivamente. Os directivos desta empresa galega, especializada en xestión de datos, explicarán como evolucionou a súa tecnoloxía desde a súa fundación no ano 1999, analizarán as tendencias do mercado e falarán sobre a súa experiencia con Silicon Valley e como conseguiron o apoio de grandes inversores internacionais, como TPG Growth, que acaba de inxectar 336 millóns de euros na compañía.

Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, será a seguinte relatora da xornada. Na súa intervención, sinalará os instrumentos precisos para o impulso da aprendizaxe permanente que permitan capacitar a persoas e empresas para contribuír á transición dixital dos seus proxectos, apoiando a innovación e a competitividade.

David Pereira, Head of Data & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, aportará a súa visión sobre como se están a introducir os proxectos de IA nas grandes organizacións. Posteriormente, Ravin Dhalani, Chief Information Officer no Grupo MásMóvil, afondará na estratexia tecnolóxica da súa empresa para introducir a intelixencia artificial como resposta aos retos de negocio. A última participación da xornada será a cargo de Chema Alonso, Chief Digital Officer de Telefónica, que abordará a estratexia global da multinacional no ámbito da IA.

 

Cidade das TIC

A Cidade das TIC é unha iniciativa da Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia para crear nos antigos terreos da Fábrica de Armas da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel internacional. O proxecto conta co apoio explícito de todas as administracións. Desde a Cidade das TIC contribuirase á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes, desenvolveranse tecidos empresariais conectados e máis competitivos, impulsaranse as TIC e a dixitalización de Galicia.

A Universidade da Coruña ten a concesión do Ministerio de Defensa das instalacións da Fábrica de Armas, cun espazo de 127.000 metros cadrados, por un período de 25 anos prorrogable a outros 25, desde febreiro de 2020.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC