Universidade da Coruña e Concello asinan a transmisión da concesión da antiga Fábrica de Armas

Nota de prensa

26/01/26 13:32

  • Institucional
  • Con este acordo, o Concello asume a titularidade da concesión e a súa xestión integral, mentres que a UDC mantén o liderado académico e científico das actuacións que se desenvolvan no proxecto.
  • Así mesmo, a UDC recibirá tres edificios na CdTIC e máis de 11 millóns de euros para a súa rehabilitación.

A Coruña, 26 de xaneiro de 2026

A Universidade da Coruña e o Concello da Coruña formalizaron hoxe a transferencia da concesión demanial da antiga Fábrica de Armas, que queda desde hoxe en mans do Goberno municipal, un paso decisivo para consolidar o desenvolvemento da Cidade das TIC como polo tecnolóxico e industrial de referencia en Galicia.

Así quedou reflectido no documento asinado esta mañá entre a alcaldesa, Inés Rey, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, nun acto celebrado no Concello da Coruña.  Esta transferencia ten lugar tras o acordo asinado o pasado ano entre ambas administracións e logo da autorización emitida polo Ministerio de Defensa. Con este trámite, o Concello asume a titularidade da concesión e a súa xestión integral, mentres que a UDC mantén o liderado académico e científico das actuacións que se desenvolvan no proxecto.

O reitor da UDC destacou que esta decisión permite “avanzar cara un modelo de gobernanza máis eficiente, no que as administracións con competencias urbanísticas, industriais e empresariais poidan impulsar o desenvolvemento das infraestruturas, garantindo ao mesmo tempo que todas as iniciativas de formación, investigación e transferencia da Cidade das TIC continúen baixo a coordinación académica da UDC”.

Como parte do acordo, o Concello cederá á Universidade tres edificios do complexo, que serán rehabilitados para uso docente, investigador e de transferencia tecnolóxica.

O Goberno municipal destinará máis de 11 millóns de euros a estas actuacións, o que constitúe —en palabras do reitor— “un fito para a UDC, xa que permitirá dotar á comunidade universitaria de novos espazos estratéxicos no corazón da Cidade das TIC”.

Cao destacou que a Cidade das TIC conta xa con máis de 25 millóns de euros investidos en diferentes infraestruturas (CSA, Galaxy Lab, CEI e Centro de Produción Audiovisual Avanzada) e que se atopa “nun momento decisivo” para o seu despregamento industrial, tecnolóxico e formativo. A transferencia da concesión permitirá avanzar simultaneamente na planificación urbanística, na captación de empresas e na posta en marcha de novos centros universitarios e de investigación.

O reitor rematou a súa intervención expresando o seu agradecemento ao Ministerio de Defensa e ao Concello da Coruña “pola súa implicación e colaboración constante para facer posible este acordo que consideramos beneficioso para ambas entidades e, sobre todo, para o avance da Cidade das TIC”.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC