Un equipo do CITEEC da UDC participa nun proxecto dirixido a favorecer a recuperación do réxime hidrolóxico natural e a reducir a chegada de contaminantes na contorna de Doñana

Nota de prensa

9/06/26 10:11

  • Institucional

 

  • No marco desta iniciativa, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medioambiente (GEAMA) da UDC elaborará un modelo hidrolóxico‑hidráulico para a xestión da marisma

A Coruña, 09 de xuño de 2026

A Universidade da Coruña (UDC), a través do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medioambiente (GEAMA), adscrito ao CITEEC, vén de iniciar o proxecto RIVERS‑REST, unha iniciativa financiada polo programa Interreg Atlantic Area 2021‑2027 que terá unha duración de dous anos e medio.

Este novo proxecto ten como obxectivo principal reducir a chegada de sedimentos e contaminantes ás masas de auga na contorna de Doñana e, en último termo, ao océano Atlántico, mediante actuacións en diferentes áreas piloto e o desenvolvemento de ferramentas avanzadas para a análise e a toma de decisións.

O papel da UDC céntrase na elaboración dun modelo hidrolóxico‑hidráulico da contorna de Doñana, fundamental para a xestión da marisma e a planificación de actuacións nun espazo de elevada sensibilidade ambiental.

No marco deste proxecto, as investigadoras da UDC Ania Fernández e Marina de Miguel realizaron xa traballos de campo en Andalucía para caracterizar as infraestruturas hidráulicas existentes e analizar o seu comportamento, baixo a supervisión do investigador principal, Esteban Sañudo.

O equipo declara que “Doñana é un enclave único polos seus valores ecolóxicos e paisaxísticos, aínda que se atopa moi afectado pola intervención humana. A súa dinámica ambiental depende en gran medida dos hidroperíodos, polo que unha xestión axeitada da marisma será determinante para a súa evolución nos próximos anos. Desenvolver un modelo hidrolóxico e hidráulico que sirva de apoio á toma de decisións relativa á cantidade e calidade da auga na súa contorna supón un gran reto, sobre todo pola súa grande extensión, a complexidade dos seus aportes hídricos e a súa topografía eminentemente chaira. Este labor require, ademais, a implicación e coordinación de todos os actores implicados na súa xestión ”.

Unha liña estratéxica consolidada de investigación no sur de España

O inicio de RIVERS‑REST dá continuidade a unha liña de investigación consolidada da UDC en Andalucía, centrada na xestión da auga, a prevención de riscos e a recuperación de ecosistemas.

Entre os proxectos máis recentes destaca REFLORESTA, enfocado á recuperación de ecosistemas afectados por incendios e financiado polo programa Interreg España‑Portugal (POCTEP) 2021‑2027. Neste marco, o grupo GEAMA desenvolveu unha guía práctica para identificar as áreas máis propensas á erosión causada pola choiva, facilitando ferramentas útiles para a toma de decisións por parte das administracións públicas.

Este traballo aplicouse á conca do encoro de Olivargas (Huelva), afectada polo incendio de Almonaster en 2020, e foi deseñado para a súa aplicación mediante ferramentas de código aberto como Iber ou QGIS, favorecendo a súa utilidade e replicabilidade.

A actividade investigadora da UDC na rexión complétase co proxecto AA‑FLOODS, tamén financiado polo programa Interreg Atlantic Area, que permitiu mellorar a prevención, alerta e xestión de emerxencias por inundacións en ámbitos locais, con programas piloto en municipios como Écija, Morón de la Frontera ou Osuna.

Innovación tecnolóxica con selo UDC

Un elemento transversal en todos estes proxectos é o uso e desenvolvemento do software Iber, unha ferramenta gratuíta impulsada pola UDC en colaboración con outras institucións, que permite a simulación do fluxo de augas en ríos e estuarios en dúas dimensións.

20260609_101508

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC