Na Oficina de Transferencia da Universidade da Coruña levamos anos traballando para crear canles eficaces de colaboración entre a comunidade investigadora e o tecido empresarial. Agora damos un paso máis coa creación de UDC Conecta, unha plataforma que busca facer máis sinxela e directa a relación entre a universidade e as empresas, entidades e administracións interesadas en innovar, crecer e mellorar grazas ao coñecemento.
(Accede aquí ás imaxes do evento UDC Conecta).
A través desta iniciativa, queremos dar visibilidade á nosa ampla capacidade investigadora: máis de 1.400 investigadores e investigadoras, organizados en 139 grupos de investigación, activos en todas as áreas de coñecemento. Contamos tamén con catro centros de investigación singulares que son referentes no seu ámbito: o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións), o CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil) e o CITENI (Centro de Innovación Tecnolóxica en Enxeñaría Industrial).
UDC Conecta funciona como unha porta de entrada única á UDC para as empresas: desde aquí poden localizar áreas de especialización, explorar colaboracións posibles, acceder a servizos científico-técnicos, promover proxectos de I+D conxuntos ou solicitar formación especializada. É, en definitiva, unha ferramenta útil para canalizar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía desde a universidade cara ao exterior.
Esta iniciativa responde tamén á aposta estratéxica da UDC por exercer un papel activo no ecosistema de innovación da nosa contorna. Como sinalou o reitor, Ricardo Cao, na presentación de UDC Conecta, "a innovación é unha tarefa compartida entre universidade e empresa", e esta ferramenta nace co propósito de fortalecer esa colaboración para xerar impacto real no desenvolvemento económico e social.
Desde a Oficina de Transferencia, estamos convencidos de que abrir o coñecemento á sociedade é unha das funcións esenciais da universidade pública. UDC Conecta é o noso compromiso para facilitar esa conexión e facer que o talento investigador da UDC se transforme en innovación útil para Galicia e máis alá.
Na seguinte ligazón poderás ver todas as fotografías da xornada de presentación de UDC Conecta.
Publicado por: Oficina de Transferencia de Coñecemento