Programa EU Careers Ambassadors 2024/2025

20/02/24 13:58

A UDC participa, por terceiro ano consecutivo, neste programa europeo cuxo obxectivo é facilitar a transmisión e promoción das distintas oportunidades profesionais nas institucións europeas (Parlamento Europeo, Comisión Europea, Tribunal de Xustiza Europeo, Tribunal de Contas Europeo, etc.) xa que o colectivo universitario está a ser o destinatario dunha alta porcentaxe de convocatorias e programas que difunde a EPSO (Oficina Europea de Selección de Persoal). Para iso, este programa selecciona estudantes “representantes ou embaixadores/as” que sexan o contacto entre a EPSO e as universidades, neste caso, coa UDC. A experiencia destes dous últimos anos revelounos o positivo que é contar con esta figura na universidade.

Dende o punto de vista do alumnado, é un programa de enorme interese porque mellorará a súa empregabilidade como consecuencia das distintas actividades que desenvolverá como embaixador/a ou representante no vindeiro curso 2024/2025: formación e titorización, creación dunha rede europea de estudantes, posibilidade de contactar con funcionariado europeo de alto nivel, realizar presentacións, asistir a feiras profesionais, etc., todas as cales potencian as súas competencias profesionais.

Perfil do alumnado: nivel avanzado de inglés, dotes comunicativas e de sociabilidade, alta motivación, dinamismo, creatividade e gusto por aprender e compartir información. Son válidas todas as titulacións e cursos onde se atope o/a estudante de Grao ou Mestrado.

¡Importante! A UDC encargarase do proceso de selección do/a noso/a embaixador/a EPSO, polo que o/a estudante debe seguir a convocatoria publicada na sede electrónica da UDC (non empregar a web de EPSO). A ligazón é a seguinte:

https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2024/001010/document?logicalId=bc63a21b-fb19-4cd0-a031-b435bbd79642&documentCsv=IIH19C6GFAH2J8SSLCRGQRAC

O prazo de inscrición comeza o 19 de febreiro e remata o 04 de marzo.

Podedes atopar máis información en:

https://epso.europa.eu/en/eu-careers/eu_careers_student_ambassadors 

https://www.udc.es/gl/emprego/epso-eu-careers-ambassadors/

e nas redes sociais de Emprego UDC en Instagram e X.

Se tedes calquera dúbida podedes escribir a: adxunta.empregabilidade@udc.gal.

Publicado por: Facultade de Turismo