Profesoras das universidades da Coruña e Málaga crean unha páxina web con recursos e actividades para o colectivo de persoas maiores

Nota de prensa

11/06/20 13:29

  • Covid-19 Institucional

A Coruña, 11 de xuño de 2020.- As profesoras Viviana Fernández Marcial e Carmen Gómez Camarero, das universidades da Coruña e Málaga, respectivamente, veñen de poñer en marcha unha páxina web https://quedateencasaactivo.app/ destinada a dinamizar ao colectivo de persoas maiores.

O sitio web, feito durante o confinamento, ten como obxectivo “axudar a que os maiores teñan máis opcións ao pasar tanto tempo na casa e contribuír á alfabetización dixital pois aínda que internet está ao alcance de todos non é tan sinxelo atopar recursos para os maiores adultos”, explica Fernández.

As dúas profesoras colaboran de forma habitual en proxectos de investigación e artigos científicos polo que tomaron a decisión, de axudar a combater a pandemia da COVID-19 facendo que a estancia en casa fose máis levadeira e proveitosa. Deste xeito, a páxina amosa recursos asumibles sobre temas como cultura, deporte, entretemento, vida saudable e tecnoloxía, entre outros. Do que se trata, indica a profesora Fernández, é de que os maiores sigan activos en casa “escoitando música, visitando museos de forma virtual, adestrando a memoria ou aprendendo novas destrezas”. “Porque a actividade é saúde”, conclúe.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC