Os campus de Coruña e Ferrol acolleron hoxe a Xornada de Benvida do novo alumnado da UDC

Nota de prensa

18/09/25 14:44

  • Institucional
  • Centos de mozos e mozas participaron hoxe nalgunha das accións que se realizaron ao longo do día nesta iniciativa.

 

A Coruña, 18 de setembro 2025.– Os Campus da Coruña (no Estadio Mariña Dourada) e Ferrol (na Praza de Humanidades) acolleron hoxe a xornada #OLAUDC, unha iniciativa para dar a coñecer ao estudantado de primeiro ano todos os servizos cos que conta a Universidade da Coruña, máis aló do ámbito académico.

 

Durante a mañá -e tamén en horario de tarde no caso da Coruña- ambas as dúas localizacións ofrecen postos informativos, moitos deles da propia UDC. Un total de 70 puntos entre os dous campus, nos que se ofrece información dos servizos universitarios, centros de investigación, asociacións de estudantes, clubs deportivos e outras asociacións, así como programas específicos do Concello da Coruña e Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, para a mocidade.

 

Todas as persoas asistentes que visiten os stands reciben unha bolsa da UDC, así como outros produtos de merchandising, e teñen a opción de participar en varios sorteos de suadoiros e mesmo varias caixas sorpresa de material publicitario da Universidade.

 

O evento incluíu tamén actividades culturais, medioambientais e deportivas, tales como: partidas de xadrez, xenga xigante, exhibición de Quidditch, tiro con arco, deporte adaptado ou a posibilidade de facer un programa de radio e podcast.

WhatsApp Image 2025-09-18 at 11.13.08

 

20250918 4

WhatsApp Image 2025-09-18 at 11.16.34

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC