A Coruña, 14 de xuño de 2023.- Un grupo formado por oito estudantes do grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña veñen de proclamarse finalistas no programa de captación de talento Audible LAB, promovido por Audible, a plataforma sonora de Amazon.
O proxecto de podcast “112. Primera línea de supervivencia” do grupo conformado por Raúl Rodríguez Cobas, Alicia Fraga Abeal, Adrián González Nogueira, Daniel Lamas Pérez, Jennifer López Martínez, Santiago Pérez Rodríguez, Andrés Quintián Regueiro, Hugo Vázquez Blanco, estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual representará á Universidade da Coruña nesta primeira edición do programa, no que participan outras sete universidades españolas nas que se imparten comunicación, xornalismo e márketing.
O podcast “112. Primera línea de supervivencia” foi seleccionado entre diversos proxectos de gran calidade, co apoio dun equipo de profesionais e especialistas do eido da comunicación sonora e a creación de proxectos culturais. Entre os podcast presentados sinálanse diversos proxectos conversacionais e de ficción, na liña das tendencias actuais do mercado do podcast, con enfoques moi variados, como o cine, as lendas e tradicións, ou contidos cun trasfondo social que, segundo sinala a coordinadora do proxecto na UDC Teresa Piñeiro, contan con proxección directa na industria.
Audible, a plataforma sonora de Amazon, puxo en marcha Audible LAB como unha iniciativa de captación de talento que pretende impulsar e achegar as novas tecnoloxías e tendencias do mundo da creación entre o universitarios de España.
Todos os proxectos finalistas pasarán a formar parte do título “AudibleLAB”, o cal se promocionará desde a app e RRSS de Audible.es e se manterá como contido exclusivo da plataforma durante 12 meses a partires da súa estrea, programada para o mes de setembro de 2023.
Destes sete finalistas, un comité profesional seleccionará o proxecto gañador, que se coñecerá na semana do 19 de xullo e obterá una bolsa de produción para financiar a serie completa, que ademais chegará a formar parte do catálogo de produtos de Audible Originals.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC