A Coruña, 9 de xuño de 2026
O programa Santander X Explorer UDC vén de pechaer a edición do ano 2026 coa entrega dos seus premios, unha cita na que o talento, a creatividade e as ganas de avanzar con novas propostas foron as verdadeiras protagonistas.
Na sala do Consello de Goberno da Reitoría, as persoas participantes presentaron os seus proxectos capaces de dar resposta a retos reais, demostrando que as grandes ideas tamén nacen nas aulas universitarias. Tras a exposición dos diferentes traballos, chegou a quenda das deliberacións do xurado e a posterior entrega de premios.
O galardón ao reto do vídeo, elixido por votación popular entre as persoas mentoras e os participantes nesta edición do programa, foi para “Valora-T”, de Mathías López Córdoba, que tamén acadou o terceiro premio da competición, pola súa iniciativa que propón unha aplicación capaz de converter o teléfono móbil nun sistema de avaliación da saúde mediante intelixencia e visión artificial, permitindo un seguimento continuo do estado das persoas usuarias.
O segundo galardón foi para “NauticOps”, de Abraham Riveiro Sotelo, un proxecto que desenvolve unha solución tecnolóxica para coordinar en tempo real as operacións portuarias, conectando de forma eficiente a todos os axentes implicados e favorecendo unha xestión máis áxil e integrada.
O primeiro premio recaeu en “Uno más en casa”, de David Feijóo Villar, unha iniciativa de marcado carácter social que promove a convivencia entre persoas maiores e estudantes mediante un sistema de intermediación e acompañamento, creando vínculos, apoio mutuo e beneficios para ambas as dúas xeracións.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC