A Coruña, 8 de abril de 2020.- O laboratorio cartoLAB do grupo de investigación sobre Visualización Avanzada e Cartografía do Campus Innova da Universidade da Coruña uniuse á loita contra a COVID-19 coa súa mellor arma: as xeo-enquisas.
Este Laboratorio de Enxeñería Cartográfica pertencente á Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e vinculado á Agrupación Estratéxica do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), impulsou diversas iniciativas todas elas baseadas no uso de Emapic, unha ferramenta de desenvolvemento propio para realizar enquisas que recollen de forma participativa, ademais de diferentes datos, a localización do participante. Grazas á obtención destes datos xeolocalizados, esta aplicación está a permitir elaborar valiosos mapas en diferentes liñas de investigación sobre contaxio ou prevención e percepción, así como sobre movementos como #YoMeQuedoEnCasa ou #Coronavirusmakers.
A primeira das iniciativas creadas con Emapic sobre o COVID-19 foi para coñecer as medidas de prevención e percepción do risco na epidemia. Traducida ao español, inglés, italiano, portugués e francés e con máis de 500 participantes, esta enquisa está a dar a coñecer o comportamento da poboación nestas circunstancias tan especiais para adestrar un algoritmo neuronal que axude a entender os procesos de expansión dos contaxios.
Tamén, un dos grandes movementos xurdidos ante esta situación de crise está a ser analizado a través desta práctica ferramenta, o traballo da iniciativa colaborativa #Coronavirusmakers. Para iso, desde cartoLAB lanzaron unha enquisa coa que se está a elaborar un mapa activo co que se pode ver onde se atopan os voluntarios e voluntarias que están a colaborar coas súas impresoras 3D, e como están a producir e imprimir as pezas para o material sanitario necesario ante esta alarma do coronavirus.
Por último, desde cartoLAB acaban de lanzar unha xeo-enquisa que pretende coñecer o posicionamento das persoas contaxiadas por COVID-19, froito da colaboración de persoas anónimas, ante a falta de datos oficiais desagregados cos que poder facer unha análise máis detallada da situación actual.
Todas as enquisas continúan activas e abertas para todos aqueles que queiran participar e, así, achegar tamén o seu gran de area desde as súas casas, para entre todos coñecer mellor esta situación excepcional que estamos a vivir.
Ligazón ás enquisas:
https://emapic.es/yomequedoencasa
https://emapic.es/coronavirusmakers
https://cartolab.udc.es/covid19/
#UDCnonPara
#UDCnaCasa
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC