O Programa de emprendemento ‘Santander X Explorer’ abre convocatoria para a súa próxima edición

22/11/23 10:21

O Programa de emprendemento ‘Santander X Explorer’ abre convocatoria para a súa próxima edición, de xaneiro a abril de 2024.

Como vén sendo habitual, a Universidade da Coruña unirase a esta nova edición do programa, que se actualiza e adapta continuamente ás necesidades de formación que demandan os/as participantes.

 

Que é Santander X Explorer?

Santander X Explorer é o programa de pre-incubación financiado por Santander Universidades que leva dende 2009 impulsando o talento de miles de persoas e axudándoas a:

- Experimentar co emprendemento.

- Conectar co seu futuro.

- Validar se a súa idea de negocio pode converterse nun proxecto sostible.

- Adquirir as habilidades transversais necesarias non só para emprender, senón tamén para ser máis empregables e achegar valor a calquera organización.

 

Trátase dun complemento a toda disciplina universitaria, válido para estudantes actuais de grao, posgrao ou investigadores/as que desenvolven novas solucións, pero descoñecen como materializalas no mundo da empresa para facelas chegar ao conxunto da sociedade. Explorer ofrécelles de forma gratuíta traballar durante 12 semanas sobre unha idea de negocio para transformala nun proxecto economicamente sostible que contribúa a lograr algún ODS 2030.

 

A modalidade será 100 % dixital para os participantes en Alemaña, Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Estados Unidos, México, Portugal, Reino Unido e Uruguai, mentres que en España será semipresencial. A UDC participa cunha sede (UDC Space) dotada dunha persoa coordinadora e de mentores/as que darán apoio e guiarán os estudantes na consecución do seu proxecto emprendedor. Todo iso, a través dun enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, conectando con outros/as Explorers que desenvolven a súa paixón e levan máis aló o que están a aprender ou aprenderon nos seus estudos universitarios.

 

  • As inscricións poden facerse en solitario ou en equipo (ata 5 persoas) en: UDC Space (A Coruña e Ferrol).

 

  • O prazo remata o 12/12/2023.

Publicado por: Facultade de Dereito