O Consello Europeo de Investigación selecciona un proxecto da investigadora do CICA Elena Pazos sobre o cancro de ovario

Nota de prensa

15/07/25 11:27

  • Institucional
  • O proxecto PEPTOC, financiado con 150.000 euros a través do programa ERC Proof of Concept, levarase a cabo no CICA da Universidade da Coruña durante os próximos 18 meses. 
  • A colaboración co investigador Ramón y Cajal, Juan Fafián Labora, explora unha nova vía terapéutica con menos efectos secundarios.

A Coruña, 15 de xullo de 2024.- A investigadora Elena Pazos Chantrero, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC), foi seleccionada para recibir un financiamento de 150.000 euros para desenvolver un proxecto de investigación centrado no cancro de ovario. A iniciativa, denominada PEPTOC, levarase a cabo durante 18 meses e conta coa colaboración do investigador Juan Fafián Labora, do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR) do mesmo centro.

O proxecto PEPTOC está financiado a través do programa ERC Proof of Concept, unha iniciativa do Consello Europeo de Investigación (European Research Coucil, ERC) dirixida a persoal investigador que xa conta con proxectos financiados por este organismo -como é o caso de Elena Pazos-, co obxectivo de explorar o potencial comercial e innovador dun resultado xerado durante o desenvolvemento do proxecto principal.

A investigación parte de resultados preliminares obtidos en estudos con liñas celulares, nos que se identificou unha familia de péptidos con alta selectividade, capaces de eliminar células tumorais resistentes á quimioterapia sen afectar ás células sas. O obxectivo agora é validar estes achados nunha contorna biolóxica máis complexa e estudar a súa viabilidade para un desenvolvemento clínico a longo prazo.

 

Ciencia responsable para terapias máis seguras

O equipo investigador subliña que o proxecto se atopa nunha fase temperá de desenvolvemento. Aínda que os resultados iniciais son prometedores, é cedo para falar de aplicacións clínicas. Por iso, insisten na importancia de comunicar estes avances con rigor, evitando xerar expectativas pouco realistas.

Ademais da validación experimental, o proxecto contempla a protección intelectual dos resultados e a análise do seu potencial de transferencia a futuras aplicacións terapéuticas.

 

Elena Pazos Chantrero: talento galego con proxección internacional

Natural de Marín (Pontevedra), Elena Pazos é doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria investigadora inclúe estadías en centros de excelencia como o Trinity College de Dublín (Irlanda), a University of Illinois at Urbana-Champaign e a Northwestern University, tamén en Illinois, (Estados Unidos) onde traballou no desenvolvemento de nanoestruturas peptídicas para aplicacións médicas.

En 2017 incorporouse á UDC como investigadora InTalent, onde fundou o grupo QuimBio, centrado no deseño de ferramentas químicas para aplicacións biomédicas. En 2019 recibiu unha ERC Starting Grant do ERC e foi investigadora Ramón y Cajal ata este ano. Este novo proxecto consolida a súa traxectoria como referente en investigación biomédica en Galicia.

 

CICA-UDC: ciencia interdisciplinar ao servizo da saúde

O CICA é un centro de investigación da Universidade da Coruña, catalogado como centro de excelencia na Rede Cigus da Xunta de Galicia, que aposta pola colaboración entre disciplinas científicas para abordar retos complexos en biomedicina, nanociencia e contaminación, alimentación e saúde. O proxecto PEPTOC é un exemplo desta filosofía, ao unir a experiencia en química biomédica do grupo QuimBio co coñecemento en bioloxía celular e modelos experimentais do grupo TCMR, liderado por Juan Fafián Labora, investigador Ramón y Cajal.

Esta sinerxía permite avanzar cara a solucións innovadoras con impacto potencial na mellora da calidade de vida das persoas.

 

Foto: Os investigadores Elena Pazos Chantrero e Juan Fafián Labora, nas instalacións do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC