A Coruña, 14 de xullo de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, a directora do Campus Innova, Susana Ladra González, o director do CITIC, Manuel González Penedo e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, presentarán mañá, venres 15 de xullo, ás 10:00 horas, no CITIC, o Club de Innovación Aberta “Innova Club”.
Trátase dunha iniciativa pioneira, posta en marcha polo Campus Innova da Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia, que ten como obxectivo dar solucións a retos empresariais complexos, difíciles de solucionar individualmente e cos medios tradicionais. Equipos deseñados de maneira personalizada e a medida, formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios, idearán e prototiparán solucións innovadoras que darán resposta a necesidades reais do mercado.
O acto de presentación contará tamén coa participación do responsable da dinamización e xestión do Innova Club, Juan Carlos Bugallo Taibo, e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, que presentarán o primeiro caso de uso do Innova Club, un reto exposto pola Autoridade Portuaria da Coruña sobre a rastrexabilidade dos cereais con destino á cabana agrogandeira no porto coruñés.
PROGRAMA:
10:00h. – Benvida e presentación do Club de Innovación Aberta “Innova Club”
10:20h. – Explicación técnica do Innova Club e presentación do seu primeiro reto “Rastrexabilidade dos cereais con destino á cabana agrogandeira no porto da Coruña”
10:40h. – Rolda de preguntas e coloquio
11:00h. – Fin da xornada
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC