O CITIC da UDC e o Colegio de Médicos de A Coruña, unidos pola intelixencia artificial na saúde

Nota de prensa

28/09/22 13:39

  • Institucional

 

  • O equipo directivo do Colegio visitou as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC), onde tiveron a oportunidade de coñecer as posibilidades que ofrece o novo laboratorio de robótica e a realidade virtual na atención aos pacientes

 

  • O novo sistema de captura de movemento e sensorización permite crear escenarios virtuais dinámicos orientados a mellorar a atención ao doente

 

  • A colaboración permite avanzar na transferencia de resultados aplicados á atención sanitaria, liña de traballo estratéxica para o CITIC

 

A Coruña, 28 de setembro de 2022.- Coñecer os avances no desenvolvemento do software intelixente de apoio á toma de decisións e a aplicación dos últimos modelos de intelixencia artificial no diagnóstico por imaxe desenvoltos polo CITIC. Estes foron os obxectivos da visita que realizou hoxe o equipo directivo do Colegio de Médicos de A Coruña ás instalacións do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), na que participaron tanto o director, Manuel G. Penedo, como o subdirector do Centro, Javier Pereira.

Realidade virtual, ferramenta de saúde

No encontro déronse a coñecer as posibilidades que ofrece o novo laboratorio de robótica e realidade virtual do centro, así como o feito de que esta nova tecnoloxía inmersiva pode revolucionar as diferentes actuacións sanitarias. Da man do subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, os representantes do Colegio Oficial de Médicos da provincia da Coruña tiveron a oportunidade de asistir a unha demostración en directo de escenarios virtuais e do novo sistema de captura do movemento e sensorización que permitirá crear espazos virtuais dinámicos con retroalimentación dos valores de saúde de cada paciente.

Neste senso, Javier Pereira  salientou o feito de que  “as tecnoloxías dixitais avanzadas como a intelixencia artificial ou a análise masiva de datos, teñen o potencial de transformar o sistema sanitario en diferentes aspectos, tanto nos relativos á actividade diaria dos profesionais da saúde e a súa relación cos pacientes como os referidos á anticipación de riscos, maior precisión nos tratamentos médicos ou desenvolvemento da investigación”.

Transferencia

Transferir resultados da investigación á sociedade é un dos obxectivos vertebrais do CITIC en todas as súas áreas de traballo. O binomio TIC e saúde permítelle ao centro de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e ao colexio profesional sentar as bases para desenvolver conxuntamente proxectos, programas e solucións tecnolóxicas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas. Así mesmo, constitúe unha alianza que amplifica o posicionamento do CITIC nesta materia e permite concorrer a convocatorias e a fondos europeos, como o PERTE de saúde, que dean cobertura integral  a este tipo de accións.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

 

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

citic_np_software_2

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC