A Coruña, 26 de outubro de 2021.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle os vindeiros mércores 27, xoves 28 e venres 29 de outubro a XV edición das Xornadas de Enxeñería Telemática – JITEL 2021, organizadas desde o centro xunto coa Sociedade Científica de Enxeñería Telemática (SCITEL).
O acto de apertura do congreso contará coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o director Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Goberno de España, Arturo Azcorra Saloña; a investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC, Bertha Guijarro Berdiñas; e o presidente do Comité de Programa das XV Xornadas de Enxeñería Telemática, Víctor Manuel Carneiro Díaz.
Durante as tres xornadas, presentaranse máis de medio centenar de traballos e agárdase a asistencia de arredor de 70 profesionais do ámbito da telemática. As xornadas constituirán un foro propicio de reunión, debate e divulgación para os profesionais que imparten docencia e investigan en temas relacionados coas redes e os servizos telemáticos. Coa celebración deste evento preténdese fomentar, por unha banda, o intercambio de experiencias e resultados e, por outra, a comunicación e cooperación entre grupos de investigación que traballan en temas relacionados coa telemática.
Máis información: https://jitel21.udc.es/
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC