A Coruña, 21 de novembro de 2025.- Esta mañá, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña acolleu a segunda xornada conmemorativa do Día Mundial dos Sistemas de Información Xeográfica (GIS Day), centrada na aplicación destas ferramentas en diferentes proxectos de investigación do centro.
Na sesión participaron diversos grupos, entre eles o Laboratorio de Mobilidade Sostible (SusMobLab), onde Margarita Novales Ordax presentou unha análise da mobilidade xeral e do transporte público, Alfonso Orro Arcay explicou os traballos de modelización da demanda en paradas de autobús e Enrique Cabarcos Pita abordou o estudo da mobilidade branda mediante ferramentas SIX.
Desde o Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica (cartoLAB), Alberto Varela realizou unha presentación xeral do laboratorio, mentres que Amal Nnechachi expuxo o proceso participativo desenvolvido na estratexia de infraestrutura verde no proxecto Redeverde Pontevedra e Gustavo Cao explicou o uso de redes neuronais e imaxes satelitais para a análise de incendios forestais.
Finalmente, o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) completou a xornada coas intervencións de Carlos Montalvo e Esteban Sañudo, que presentaron IberGIS, unha plataforma integrada para o modelado hidrolóxico e hidráulico en contorna GIS, detallando tanto as funcionalidades da ferramenta como o fluxo de traballo; e ca participación de Manuel Regueiro Picallo, quen deu a coñecer TopoSandBox, unha instalación que combina técnicas de realidade aumentada e hidráulica computacional.
A actividade, titulada “SIX aplicado nos proxectos de I+D+i do CITEEC”, tivo lugar na Sala de Visualización de 12:00h a 14:00h nun formato de presentacións breves (flashtalks) co obxectivo de ofrecer unha visión áxil, multidisciplinar e accesible das investigacións desenvolvidas actualmente no centro.
A xornada tamén contou ca participación de Pablo Sanxiao Roca, socio e desarrollador de software da empresa iCarto, especializada en tecnoloxías SIX.
Novembro, o mes dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX)
Esta actividade enmárcase no programa organizado polo CITEEC durante o mes de novembro para conmemorar o Día dos Sistemas de Información Xeográfica (GIS Day).
A primeira xornada, desenvolvida o día 13, estivo dedicada aos 17 anos de traballo que Domingo Fontán dedicou á creación da súa rigorosa Carta Xeométrica. Baixo o título “Historia da Cartografía de Galicia”, os asistentes puideron visualizar o documental “Fontán 360. O primeiro rostro de Galicia”, presentado polo seu director, Manuel Fernández Pérez, e escoitar as ponencias de Elena Vázquez Cendón (Dpto. de Matemática Aplicada USC), Alberto Varela García (Dpto. de Enxeñaría Civil UDC) e Fernando García Pazos (Instituto de Estudos do Territorio).
Como peche do programa conmemorativo, o CITEEC acollerá unha exposición de carteis divulgativos que amosan a aplicación dos Sistemas de Información Xeográfica nas diferentes liñas de investigación do centro, en consonancia cas ponencias desenvolvidas na xornada de hoxe.
A mostra, instalada nos espazos comúns do edificio, permitirá coñecer de maneira visual e accesible como o persoal investigador emprega as tecnoloxías xeoespaciais en proxectos de mobilidade sostible, xestión da auga, modelización ambiental e análise territorial. Esta exposición busca achegar a ciencia xeoespacial á comunidade universitaria e poñer en valor o labor investigador desenvolvido no CITEEC, reforzando a importancia dos SIX como ferramenta esencial para comprender e mellorar o territorio.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC