O CITEEC da Universidade da Coruña traballa na predición das inundacións urbanas para reducir os riscos e diminuír as perdas económicas

Nota de prensa

7/11/23 14:06

  • Institucional

A Coruña, 7 de novembro de 2023.- A inundación de zonas urbanas é un dos desastres naturais máis frecuentes producindo anualmente elevadas perdas económicas e sociais. O cambio climático incrementará os riscos e as perdas, polo que é imprescindible buscar solucións innovadoras, tanto para mitigar os riscos como para concienciar á poboación.

Na Universidade da Coruña, o Grupo de Investigación de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil, CITEEC, traballa desde hai anos na avaliación e xestión do risco de inundación (http://www.geama.org/portfolio/flood-risk/). Entre outras actividades, desenvolve modelos matemáticos que axudan ás autoridades para predicir as zonas as que se poden producir inundacións coa antelación suficiente para poder alertar á poboación e tomar as medidas de protección necesarias. 

Un dos proxectos nos que traballa actualmente neste ámbito é o proxecto Saturno, Sistemas de Alerta Temperá fronte a inundacións pluviais en contornas urbanas, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e no que, ademais de levar a cabo novos desenvolvementos técnicos relacionados coas inundacións urbanas, está a realizarse un importante labor de divulgación e de sensibilización e concienciación pública fronte ao risco de inundación.

Enfocándose particularmente ao público de idades comprendidas entre a ESO e Bacharelato, realízanse visitas interactivas ao laboratorio de Enxeñería Hidráulica do CITEEC da UDC, que contribúen a mellorar tanto a comprensión do risco de inundación por parte da poboación, como á interpretación das alertas por inundación e das medidas de autoprotección. Nas visitas, os resultados obtidos con modelos matemáticos, en forma de superficies asolagadas, proxéctanse directamente sobre un modelo do terreo en 3D, dando unha imaxe realista da inundación.

Adicionalmente, o grupo de investigación GEAMA participa, xunto co ente público Augas de Galicia, no desenvolvemento e xestión dun sistema de alerta temperá fronte ao risco de inundacións na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, co obxecto de poder proporcionar avisos de risco de inundación aos municipios potencialmente afectados.

CITEEC Foto 2

Foto 1 Visitas á instalación de estudantes (esquerda) e de técnicos municipais (dereita) observando a proxección dos resultados obtidos de zonas asolagadas nun núcleo urbano.

Foto 2 Reprodución en 3D a escala reducida dun núcleo costeiro sobre a que se calculan as zonas inundables en función de parámetros como intensidade da choiva e as condicións de marea.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC