A Coruña, 3 de xuño de 2024.- O Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña acolleu resta mañá o acto de inauguración da Reunión Bienal QIES24, que engloba a XX Reunión Bienal do Grupo Especializado de Química Inorgánica e a XIV Reunión Bienal do Grupo Especializado de Química do Estado Sólido, que organiza a Real Sociedade Española de Química en unión coa Facultade de Ciencias da UDC.
O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e contou coa asistencia de Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais do Concello da Coruña; Flaviano García Alvarado, presidente do Grupo Especializado de Química do Estado Sólido; Enrique Rodríguez Castelló, presidente do Grupo Especializado de Química Inorgánica e a catedrática María Antonia Señarís Rodríguez, presidenta do Comité Organizador de QIES24.
O reitor da UDC resaltou a Química como unha das disciplinas da UDC desde a cal se producen máis colaboracións en materia de transferencia de coñecemento, así como desde onde se leva a cabo un maior número de proxectos conxuntos en colaboración con empresas e outras entidades. Así mesmo, o reitor destacou a cifra de máis de 250 contratos con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de proxectos, os cales supuxeron a mobilización superior aos 6 millóns de euros, a maior parte deles articulados a través dos centros de investigación da UDC: CITIC, CICA, CITEEC e CITENI.
Reunión Bienal QIES24
A Reunión Bienal QIES24 reúne estes días a máis dun centenar de investigadores nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, que mostrarán os últimos avances logrados pola química para afrontar grandes retos actuais, tales como os de enerxía e eficiencia enerxética, sustentabilidade, descarbonización ou saúde.
O evento contará coa presenza de investigadores relevantes no sector, como Andrew Goodwin, químico de estado sólido, da Universidade de Oxford, especialista en materiais con flexibilidade estrutural aplicables ao almacenamento de enerxía, a recuperación de calor residual ou a refrixeración eficaz; Eva J. Toth, química bioinorgánica, directora do Centro de Biofísica Molecular-CNRS en Orléans, que traballa na procura de novas sondas de imaxe para resonancia magnética; Soledad Martín González, profesora de investigación do Instituto de Micro e Nanotecnoloxía-CSIC en Madrid, cuxo traballo se centra no deseño e desenvolvemento de dispositivos a partir de materiais nanoestructurados que permitan unha captación e xestión máis eficientes da calor para producir enerxía; ou Alfonso Caballero Martínez, químico inorgánico da Universidade de Sevilla, especialista en materiais e procesos catalíticos de interese ambiental e enerxético.
Así mesmo, farase unha homenaxe ao recentemente falecido John B. Goodenough (1922-2023), galardoado co Premio Nobel de Química en 2019 por ser un dos pais das baterías de litio, as que se usan nos móbiles, computadores, tablets, coches eléctricos, etc. e que tanto cambiaron os nosos hábitos de vida. O Profesor Goodenough tivo unha estreita relación con Galicia e con varios dos investigadores galegos que participan no congreso, entre eles, a catedrática María Antonia Señarís Rodríguez, organizadora do QIES24, que foi bolseira Fullbright no seu laboratorio da Universidade de Austin en Texas (Estados Unidos), onde tamén estivo posteriormente Francisco Rivadulla, actualmente profesor da Universidade de Santiago de Compostela. De feito, o propio Premio Nobel estivo en tres ocasións en Galicia, convidado por estas dúas universidades, onde impartiu conferencias, un curso e foi mesmo investido Doutor Honoris Causa.
A reunión ofrece ademais un marco moi favorable para o establecemento e o reforzamento de colaboracións e intercambios nestes ámbitos, e conta co compromiso da organización para fomentar a visibilidade das mulleres científicas. Incentívase tamén moi especialmente a participación activa de estudantes e mozas que se están iniciando na investigación.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC