Ferrol, 12 de febreiro de 2024.- Máis de 250 estudantes de bacharelato e de ensinanzas de formación profesional de 13 centros galegos participan, este xoves 15 e venres 16 de febreiro, de 09:30 a 14:00 horas, nas Xornadas de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” que organiza a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e máis co Campus Industrial da Universidade da Coruña.
Ao longo destes dous días, as Xornadas de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” achegarán ata o Campus Industrial de Ferrol a alumnado e profesorado do IES As Telleiras (Narón), do IES Terra de Trasancos (Narón), do CPR Tirso de Molina (Ferrol), do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), do IES Concepción Arenal (Ferrol), do IES Saturnino Montojo (Ferrol), do IES Sofía Casanova (Ferrol), do IES Ortigueira (Ortigueira), do IES Rego de Trabe (Culleredo), CPR Maristas Cristo Rey (A Coruña), do IES Perdouro (Burela), do IES Eduardo Pondal (Ponteceso) e máis do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela).
O programa de actividades proposto pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) para estas dúas xornadas inclúe un Escape Room no que o estudantado participante terá que superar unha serie de pequenos retos vinculados ás materias de matemáticas, física, química e de expresión gráfica para completar un puzzle e acadar o código que abre un misterioso cofre. O equipo gañador será aquel que consiga resolver todos os retos propostos e abrir o cofre no menor tempo posible. A duración máxima da proba será de 40 minutos.
A maiores, o alumnado participante poderá sumarse a unha serie de obradoiros nos que afondar en contidos vinculados coa construción, a enxeñaría mecánica, a mecánica de fluídos, a electrónica e a automatización, a electricidade e a enerxía, os materiais ou incluso achegarse ata a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Do mesmo xeito, o alumnado de bacharelato e de ensinanzas de formación profesional inscrito nas Xornadas de Portas Abertas “Día da Enxeñaría” poderá coñecer de primeira man os avances realizados nos últimos meses por un grupo de 20 estudantes de grao e de máster da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) quen están a deseñar e construír, en colaboración con profesorado do centro, un coche eléctrico co obxectivo de participar, a curto ou medio prazo, na tempada de probas de Greenpower Iberia.
Oferta Académica da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) – Curso 2023/24
Foto: De esquerda a dereita, as profesoras Sonia Bouza Fernández e Carolina Camba Fabal foron as encargadas de deseñar e organizar o programa de actividades das Xornadas de Portas Abertas “Día da Enxeñaría”, unha iniciativa na que colaboran máis de 50 persoas, entre persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, vinculadas á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC