A Coruña, 29 de maio de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, recibiu esta mañá na Reitoría á primeira muller astronauta española, Sara García Alonso, con motivo do acto organizado polo Consello Social da UDC que contará coas conferencias de García Alonso e de Pedro Duque esta tarde en Palexco.
Na reunión celebrada esta mañá na Reitoría, Abalde tivo a oportunidade de explicarlle a Sara García o proxecto da Cidade das TIC. Na xuntanza estaban o presidente do Consello Social, Antonio Abril; a adxunta do Reitor para a Intelixencia Artificial, Amparo Alonso; o coordinador do Nodo UDC Coruña de Intelixencia Artificial, Marcos Ortega, e o director da Cidade das TIC, Alfonso Martínez.
O Consello Social organiza esta tarde ás 18:00 horas en Palexco unha xornada baixo o título de “Presente e futuro da industria aeroespacial europea: investigación, colaboración e emprendemento” coas intervencións de Pedro Duque e Sara García Alonso.
Pedro Duque Duque, primeiro astronauta que viaxou ao espazo en representación de España e ex Ministro de Ciencia e Innovación, ofrecerá una conferencia titulada “O círculo virtuoso da ciencia e a innovación”.
Sara García Alonso, astronauta de Reserva da Axencia Espacial Europea e investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), impartirá unha conferencia que leva por título “Misións espaciais tripuladas no século XXI”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC