Investigadores do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña comparten proxecto europeo xunto con dez universidades internacionais

Nota de prensa

27/07/23 10:40

  • Institucional
  • O proxecto, de gran amplitude, integra a investigadores de dez universidades co propósito común de modelizar determinados fenómenos físicos.
  • No marco desta iniciativa, a UDC vén de acoller durante dous meses a dous investigadores da Universidade Austral de Rosario, Arxentina.

 

A Coruña, 27 de xullo de 2023.- Os profesores de Matemática Aplicada Ángel Daniel Arós Rodríguez e María Teresa Cao Rial, da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas; José Manuel Rodríguez Seijo, da Escola Técnica Superior de Arquitectura; e Raquel Taboada Vázquez, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos; participan no proxecto europeo Nonsmooth Contact Dynamics (CONMECH), do programa MSCA-RISE, que ten como obxectivo principal estudar as ecuacións e inecuacións matemáticas que xorden na modelización de fenómenos físicos relacionados co contacto entre sólidos, xunto con investigadores da Uniwersytet Jagiellonski, de Cracovia (Polonia), Université De Perpignan (Francia) e a Universitatea Din Craiova (Romanía).

Colaboran ademais investigadores de fóra da Unión Europea, en particular da Oakland University (Estados Unidos), a Asociación Civil de Estudios Superiores ACES de Rosario (Arxentina), a University of Iowa (Estados Unidos), a Federation University Australia de Victoria (Australia), a Guangxi University For Nationalities (China) e a Zhejiang University (China).

Desde o inicio do proxecto en 2019, o grupo da UDC traballa xunto con investigadores da Universidade Austral de Rosario (Arxentina). Dous deles, Lucas Venturato e Sabrina Roscani veñen de ter unha estadía de dous meses na Coruña e, en concreto, Sabrina Roscani xa participara doutro período de investigación na cidade en 2019 xunto con outros dous compañeiros. Desde a Escola de Náutica amósanse “moi satisfeitos desta colaboración coa Universidade arxentina, posto que as liñas de especializacións son diferentes e se complementan moi ben”, segundo explica Ángel Arós, investigador principal do proxecto.

Na UDC son expertos en métodos asintóticos aplicados tanto a mecánica de sólidos como a dinámicas de augas pouco profundas. Estas técnicas estudan situacións límites de determinados problemas, e céntranse no comportamento dos termos máis relevantes. Teresa Cao e Ángel Arós son especialistas en aplicalos a fenómenos de mecánica de contacto, onde un corpo deformable entra en contacto con outro; e José Manuel Rodríguez, coordinador do Grupo de Modelización e Resolución de Modelos (GMRM), e Raquel Taboada, son especialistas en aplicalos en mecánica de fluídos.

Pola súa banda, os investigadores arxentinos son especialistas en cálculo fraccionario, que ten aplicación, en concreto, no estudo de como se transfire o calor nun obxecto ou medio. O cálculo fraccionario vai máis alá do clásico, no sentido de que con el pódese modelizar non só o comportamento que se observa nun momento dado, senón tamén a historia ou memoria do que aconteceu anteriormente. Por exemplo, pode pensarse nunha barra de xeo, á que se lle aplica unha fonte de calor nun extremo. A medida que o xeo se derrete, terá unha parte líquida e unha sólida, que estarían separadas por unha superficie denominada “fronteira libre”, a cal avanza a unha determinada velocidade. A velocidade coa que avanza esa barreira pode ter un comportamento que se describa con cálculo clásico ou fraccionario. Experimentalmente, en moitos casos pode comprobarse que se describe mellor co cálculo fraccionario.

Así os investigadores, a través destes cálculos, conseguen facer simulacións que permiten analizar o comportamento dos materiais en función de determinadas accións externas.

Con motivo do final do proxecto, o grupo ten previsto organizar un congreso especializado no seu campo de investigación do 20 ó 24 de maio de 2024. En concreto, será a terceira edición dos ETAMM (Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics), cuxas edicións anteriores tiveron lugar en Perpignan (2016) e Cracovia (2018).

 

Foto: De esquerda a dereita, Lucas Venturato, da Universidade Austral de Rosario (Arxentina); María Teresa Cao Rial, da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas; Ángel Daniel Arós Rodríguez, da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas; e Raquel Taboada Vázquez, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC