Hoxe inaugúrase o “HumanIA UDC”, un ciclo de obradoiros organizados polo Consello Social e a Facultade de Humanidades en colaboración co CITIC

Nota de prensa

28/09/23 10:52

  • Institucional
  • O primeiro dos obradoiros terá lugar esta tarde na SalaCloud do CITIC e contará co experto en Dereito Dixital Borja Adsuara

 

A Coruña, 28 de setembro de 2023.- Hoxe xoves, 28 de setembro, ás 17:30 horas, terá lugar na Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación da UDC (CITIC) o primeiro dos obradoiros organizados polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC en colaboración co propio CITIC, baixo o título ‘HumanIA UDC: O desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial’.

O encargado de abrir o ciclo será o experto en Dereito Dixital Borja Adsuara Varela, cun obradoiro centrado na regulación da Intelixencia Artificial baixo o título “Como se debe regular a Intelixencia Artificial?”. O experto afondará nos aspectos xurídicos a ter en conta, como son o dereito á propiedade intelectual, os dereitos de imaxe, os usos de alto risco e usos prohibidos, entre outros temas.

            O segundo obradoiro terá lugar tamén no CITIC o día 9 de novembro e será impartido por Paul Van Branteghem, experto en Intelixencia Artificial e cofundador de Spain-IA, que impartirá unha chala sobre “Chat GPT e outras aplicacións: casos de uso no mercado laboral” e amosará como se pode aplicar a IA nas diferentes profesións a través de exemplos reais, así como as ferramentas máis utilizadas.

            HumanIA UDC surde como un espazo de aprendizaxe para que tanto a comunidade universitaria como os profesionais descubran como a IA está transformando o panorama laboral relacionado coas Humanidades. O obxectivo do programa é promover un diálogo que amose un novo xeito de entender a arte, a cultura, a historia e a linguaxe coa axuda da tecnoloxía.

O prazo de inscrición está aberto ata completar aforo. Máis información e inscricións na páxina web co ciclo:  www.humaniaudc.com.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC