O pasado mércores 24 de maio ás 17.00 no Salón de Graos, tivo lugar a conferencia “Comedia Negra «Go Home»”, impartida por Tito Asorey, actor e director de escena en TuriCiencia. Asistiron unhas 90 persoas, entre as que se atopaban estudantes do Programa de Simultaneidade Grao en Turismo e Grao en Ciencias Empresariais, do Grao en Turismo, alumnos do mestrado e profesorado da facultade. As moderadoras da sesión foron Silvia Suárez Cerqueiro e Andrea Valentina Rodríguez Pereira, estudantes de 3º de Simultaneidade Grao en Turismo e Ciencias Empresariais. Ademais, Lucía e Nacho, dous alumnos da facultade, encargáronse de introducir a conferencia e realizar unha breve lectura sobre o poema Ítaca. Ao final da conferencia, os asistentes realizaron unha rolda de preguntas interactuando co relator para finalmente terminar cun debate coas profesoras Mavi Lezcano, Iria Caamaño e Antonia Pérez, onde se intercambiaron numerosas ideas expostas ao longo da conferencia relacionadas coa masificación turística e os problemas que iso supón.
Nesta conferencia tratáronse temas como a obra de teatro que presenta o relator, “Go Home”, o proceso de investigación e documentación que supón realizar unha obra de teatro relacionada co turismo, ademais de tratar temas relacionados coa conexión do teatro e o turismo, o turismo actual como reflexo da sociedade, a turistificación en cidades como Santiago de Compostela, as taxas turísticas en lugares tan masificados, a transformación das cidades a gusto dos turistas, o turismo invasivo que arrasa coas comunidades locais, a perda de calidade no turismo, os beneficios e os inconvenientes do turismo, a súa experiencia persoal cos turistas e peregrinos de Santiago de Compostela e a problemática existente coa plataforma Airbnb.
Publicado por: Facultade de Turismo