A Coruña, 11 de abril de 2024.- A Universidade da Coruña, en colaboración coa Federación Galega de Vela e o Concello de Vilagarcía, organiza o Campionato de España Universitario de Vela 2024, que se celebrará do 16 ao 19 de abril nas instalacións do Centro Galego de Vela que a Federación ten no concello vilagarcián.
A competición, que por vez primeira terá lugar fóra das augas do Mar Mediterráneo, foi presentada esta mañá na Casa Consistorial de Vilagarcía, nun acto presidido polo alcalde da localidade, Alberto Varela, e no que participaron a vicerreitora de Divulgación Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira; a directora de Deportes da UDC, Marta Bobo; e o coordinador da Área de Deportes da UDC, Manuel Moya.
Na súa intervención, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC destacou a implicación directa que a Universidade da Coruña ten desde sempre coa actividade naútica, “a nivel docente coa súa Escola de Naútica, e por albergar o que foi no seu día o primeiro INEF de España cunha especialidade de vela”.
Dentro deste contexto, a Universidade da Coruña presentou ao Consello Superior de Deportes (CSD) a solicitude de organización do campionato este ano, co fin de impulsar a actividade náutica na UDC e dar a coñecer ao resto de universidades españolas as magníficas instalacións náuticas e inigualables augas das rías galegas para a práctica da vela.
Segundo Cristina Naya, solicitouse ao CSD que se puidese chegar á máxima participación de universidades dentro das limitacións do número de embarcacións dispoñibles e dos tres días de competición, pasando a ofrecer 18 prazas en vez das habituais 12 que se distribúen por comunidades autónomas. Finalmente e xa coa inscrición pechada, confirma a vicerreitora da UDC, “o número de universidades inscritas é de 14, o que supón un récord de participación respecto a edicións anteriores”.
En concreto, as universidades que tomarán parte na competición son a Pompeu Fabra, Alacante, Cádiz, Cantabria, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Vigo, Politécnica de Cataluña, Oviedo, Santiago de Compostela, Murcia, Illas Baleares, Valencia e a da Coruña.
Esta edición do Campionato de España Universitario de Vela será, ademais, a primeira que se desenvolverá en condicións de igualdade de xénero. Os equipos participantes serán mixtos, compostos por catro integrantes: dúas mulleres e dous homes. Competirán nun total de seis embarcacións da clase Elliot 6M coas que conta a Federación Galega de Vela no seu Centro de Tecnificación de Vilagarcía. O formato da regata será o de flota con xuízo directo no mar, con mangas moi curtas onde se priorizará que cada equipo faga o máximo número de probas.
A competición arrancará o martes da vindeira semana nas inmediacións de Vilagarcía. A primeira xornada estará dedicada ás acreditacións e adestramentos. A continuación, o mércores e o xoves terán lugar as regatas clasificatorias, e xa o venres día 19 desenvolveranse as finais xunto coa posterior entrega de premios.
Participación da UDC
A Universidade da Coruña participou desde a súa creación en todos os campionatos universitarios de vela que se organizaron ata o de agora, obtendo medallas nalgunhas delas e chegando a representar a España no Campionato do Mundo Universitario de Vela no ano 2018. Na edición de 2024 intentará obter os bos resultados acadados en edicións anteriores; como a medalla de ouro conseguida en 2018, ou os cuartos postos dos anos 2017 e 2022.
Institucións colaboradoras
Na organización do campionato colaboran coa UDC as seguintes institucións e entidades, ás que a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC agradeceu o seu apoio:
Agradecemento do alcalde
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, deu as grazas á Universidade da Coruña e á Real Federación Galega de Vela por ter pensado en Vilagarcía para desenvolver este evento tan importante. Claro que, segundo dixo, a decisión non foi casual. Por un lado, a cidade conta co Centro de Tecnificación de Veña de Galicia, “que nos fai referencia en toda Galicia e en toda España. Por outro, “temos a sorte de vivir na ría máis navegable do mundo, un lugar privilexiado para os deportes náuticos e especialmente para a vela”, engadiu.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC