 
        A Coruña, 4 de outubro de 2023.- Un grupo de 10 estudantes do Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Universidade da Coruña veñen de participar no Weird Market, o mercado profesional de animación, videoxogos e new media que tivo lugar en Valencia entre os días 26 de setembro e 1 de outubro.
O grupo formado por Alberto García Menéndez, David Pérez Plaza, Iker Peña Alonso, Iván Iglesias Freán, Amaya Vicente Pérez, Rita Cid Rivas, Vanessa Parente González, Soraya Antelo Morales, Carlos Cuesta Temes e Verónica Llanas Martínez desenvolveron catro proxectos que foron incluídos no catálogo do mercado. En concreto, as pezas consistían nunha curtametraxe e tres videoxogos, Zero, Hangover in Neverland, Umbra e Zima.
O Weird Market, que este ano cumpre a décimoquinta edición, é o mercado profesional máis importante de animación, videoxogos e new media que se celebra en España, e un dos máis importantes de Europa. A cita é un referente de carácter multidisciplinar, que acolle longametraxes, curtas, series, webseries, proxectos transmedia, videoxogos, cómics e xogos de mesa. Este ano contou cun total de 170 proxectos seleccionados no catálogo. Deles, 19 foron longametraxes, 43 curtas, 18 series, 37 videoxogos, 24 webseries, 6 proxectos transmedia, 9 cómics e 14 xogos de mesa. Ademais, contou con 38 curtametraxes a concurso no WFest, 12 estudios participantes na xornada de recruitment e máis de 300 acreditados.
O evento está co-organizado polo Instituto Valenciano de Cultura, adscrito á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Cultura e Deporte da Generalitat Valenciana. Conta co patrocinio principal do Concello de Valencia e a Deputación; a participación do Ministerio de Cultura e Deporte, o IVAM (Instituto Valenciano de Arte Moderno), Acción Cultural Española a través do Programa para a Internacionalización da Cultura Española (PICE) e o ICAA; o patrocinio de À Punt, HP e Tenerife Film Commission; o apoio de Barreira Arte + Diseño, AVEPA, Animat, Tangram Solutions, La Liga de la Animación Iberoamericana, Movistar Plus + e RTVE, entre outros.
Foto: Na fila de arriba: Nereida Rodríguez (profesora), Alberto García Menéndez (alumno), David Pérez Plaza (graduado), Iker Peña Alonso (alumno), Iván Iglesias Freán (alumno) e Amaya Vicente Pérez (alumna).
Fila de abaixo: David Fidalgo (creador e director de animación galego), Rita Cid Rivas (alumna), Vanessa Parente González (alumna), Soraya Antelo Morales (alumna), Carlos Cuesta Temes (alumno), Verónica Llanas Martínez (alumna) e María Jesús Díaz González (profesora).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC