A Coruña, 4 de decembro de 2025.- A valedora universitaria da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar, foi elixida membro da Comisión Executiva da Conferencia Estatal de Defensorías Universitarias (CEDU) no marco do XXVII Encontro Estatal de Defensorías Universitarias, celebrado recentemente en Logroño.
A CEDU, de ámbito estatal, xurdiu en 2007 e reúne ás persoas titulares das defensorías de 78 universidades españolas, públicas e privadas, co obxectivo de poñer en común temas de interese universitario, promover o debate e contribuír á mellora da calidade das universidades. Entre os seus fins destacan o intercambio de información, a elaboración de análises, informes e recomendacións que impulsen unha cooperación máis eficaz coas Administracións Públicas e, en definitiva, nunca maior calidade da universidade.
Un órgano clave na coordinación das defensorías universitarias
A Comisión Executiva, órgano de goberno da CEDU, reúnese periódicamente para seleccionar temas de interese para o labor das defensorías, planificar as xuntanzas de traballo, promover actividades de visibilidade institucional e coordinar accións relacionadas coa mellora dos servizos á comunidade universitaria.
Así mesmo, esta comisión xestiona a publicación da revista Rued@, destinada á difusión de información e novidades relacionadas coas defensorías universitarias, e actúa como enlace permanente entre estas e a Administración.
Ana Dorotea Tarrío, nova secretaria 2025-2027
Na última reunión da CEDU, o presidente desta asociación designou a Ana Dorotea Tarrío como responsable da Secretaría para o período 2025-2027. Entre as funcións asociadas ao cargo destacan custodiar os fondos e a documentación da asociación, estender as actas e expedir certificacións, preparar os balances, inventario e orzamentos para a súa aprobación pola asemblea xeral.
Así mesmo, desde a Presidencia e a Secretaría da CEDU coordínanse reunións periódicas co Ministerio con competencias en universidades, co obxectivo de trasladar cuestións e problemáticas detectadas nas defensorías, colaborar na elaboración de normativas e promover melloras nos procedementos universitarios.
A directiva mantén tamén encontros co Defensor del Pueblo para abordar especificamente aquelas queixas de ámbito universitario que chegan a este organismo. Ademais, realiza reunións con outros colectivos e administracións vinculados á vida universitaria.
Contribución da UDC á calidade universitaria estatal
A presenza da valedora universitaria na dirección da CEDU reforza o papel da Universidade da Coruña na defensa dos dereitos das comunidades universitarias españolas, tal como establece a LOSU, e contribúe ao desenvolvemento de medidas e normativas que impulsen unha universidade máis eficiente, equitativa e comprometida coa mellora continua.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC