A tecnoloxía cotiá podería axudar a que menores con parálise cerebral empreguen máis a man afectada

Nota de prensa

8/06/26 10:48

  • Institucional

 

  • A investigación dun grupo da UDC explora o potencial dos móbiles e tablets para apoiar a rehabilitación infantil no fogar

A Coruña, 8 de xuño de 2026

Investigadoras do CICA da Universidade da Coruña participaron nun estudo internacional que analiza como nenos e nenas con parálise cerebral unilateral empregan a tecnoloxía no seu día a día e como perciben as súas familias o uso de dispositivos como tablets, teléfonos móbiles ou videoconsolas no fogar.

O traballo, publicado na revista Disability and Rehabilitation: Assistive Technology, recolle as experiencias de familias de menores de entre 3 e 7 anos con parálise cerebral unilateral en diferentes comunidades autónomas españolas. Os resultados amosan que moitos dos menores empregan ambas mans de maneira máis espontánea cando interactúan con xogos, aplicacións ou dispositivos que lles resultan motivadores. Segundo describen as familias participantes, o interese que esperta a tecnoloxía favorece que os nenos intenten integrar a man afectada en actividades cotiás, especialmente naquelas que requiren o uso das dúas mans.

O estudo tamén identifica barreiras importantes. Moitos dispositivos non están adaptados ás necesidades motoras destes nenos: o tamaño dos botóns, a sensibilidade das pantallas táctiles ou a necesidade de movementos precisos poden dificultar o uso e provocar frustración. As familias valoran especialmente aquelas ferramentas tecnolóxicas que poden favorecer a participación e o uso funcional da extremidade afectada sen facer que os nenos se sintan diferentes dos seus iguais.

A investigación conclúe que adaptar tecnoloxías xa presentes nos fogares podería contribuír a complementar a rehabilitación en contornas naturais e motivadoras, sempre cun uso supervisado e adecuado á idade dos menores.

No estudo colaborativo ca Manchester Metropolitan University, Universidade de Castela-A Mancha e Universidade Miguel Hernández participaron a investigadora Verónica Robles García e a investigadora predoutoral Irene Gonzázlez Eiroa do grupo NEUROCOM.

Sobre o CICA

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas cun persoal investigador que supera as 200 persoas centradas en tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.   

 

Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.  

 

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%. 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC