A reunión do reitor coa comunidade da Facultade de Dereito evidencia a internacionalización como un dos puntos fortes deste centro

Nota de prensa

18/03/19 12:27

  • Institucional

A Coruña, 18 de marzo de 2019.- A Facultade de Dereito acolleu o pasado 6 de marzo unha reunión do reitor, Julio Abalde, e o secretario Xeral, Carlos Aymerich, coa comunidade académica deste centro, dentro da rolda de visitas que o equipo de goberno realiza todos os cursos a todos os centros da Universidade da Coruña.

O reitor comezou o encontro sinalando os retos que se plantexaron como equipo de goberno ao chegar á Reitoría e as distintas accións emprendidas e que se están levando a cabo actualmente. Abalde sinalou as liñas nas que se está a traballar: docencia, investigación, transferencia e internacionalización.

Sobre a docencia, o reitor explicou que o reto é adaptar os contidos ás demandas que haberá no mercado nos próximos anos. A práctica do Dereito será similar pero o que cambiarán serán as ferramentas, a irrupción da ciberseguridade será un elemento fundamental no desenvolvemento do Dereito futuro, aventurou. Isto implica novas metodoloxías docentes pois se a información está dispoñible por moitos medios, a capacidade de entender e elaborar o coñecemento vai ser o máis importante. “Plantexámonos tamén facer unha adaptación da nosa oferta académica para o momento en que se abrise o mapa de titulacións no ano 2016”, engadiu. O ano 2016 foi tamén o momento en que o financiamento para investigación estaba no seu momento máis baixo, tanto a nivel autonómico como estatal, polo que a UDC fixo unha aposta pola busca de financiamento a nivel europeo, para o que se fixo un esforzo de acompañamento para acudir ás convocatorias da Unión Europea. Segundo deu conta o reitor, o pasado ano acadouse un récord de solicitudes de proxectos así como tamén de fondos conseguidos que supera os dous millóns de euros. “Imos polo bo camiño pero non é suficiente, necesitabamos que a Comunidade Autónoma nos acompañase de forma institucional en Bruxelas como sucede no País Vasco e Cataluña”, demandou Abalde.

En canto á transferencia, plantexouse nun sentido amplo, como forma de abrirse á sociedade, para o que a Reitoría ten que facer de ponte entre a universidade e a empresa, máis alá das iniciativas particulares existentes até o momento. Neste aspecto ampliouse o número de Cátedras con empresas, que ademais das súas propias actividades poden servir para ampliar a colaboración en temas de investigación. A Facultade de Dereito conta con dúas cátedras: a Cátedra de Dereito Local e a Cátedra Fundación Inade – Xestión do Risco e o Seguro, a primeira que asinou Abalde como reitor. A visión da sociedade da universidade está a cambiar, manifestou, pois agora xa se percibe a UDC como un socio válido. Como exemplo desta valoración o reitor apuntou que o proxecto que acaba de conseguir o Concello da Coruña de edificios intelixentes, cun orzamento de catro millóns de euros, conta coa participación dos centros de investigación CITIC e CITEEC. No aspecto de internacionalización, a Reitoría continuou coa liña iniciada no anterior equipo de goberno de incrementar a mobilidade e os convenios bilaterais cun especial esforzo cos países iberoamericanos e asiáticos. Este curso máis de 650 alumnos estranxeiros estudan na UDC, e tamén aumentou a incorporación de estudantado foráneo que vén realizar toda a súa titulación na UDC, aínda que é moi difícil o acceso ao grao pois ten que ser vía selectividade. Establecéronse dobres titulacións con universidades estranxeiras, como ben coñece esta Facultade que ten o grao internacional en Dereito coa South Wales University (Reino Unido) e o Mestrado en Asesoramento Xurídico Empresarial coa Widener University (Estados Unidos). O alumnado destas titulacións ten a opción de obter dous títulos, un pola UDC e outro pola universidade estranxeira. Abalde apuntou ademais que no caso do Reino Unido ante o Brexit, a UDC xa chegou a un acordo con esta universidade para seguir mantendo o convenio.

Todas as estas liñas de traballo son moi complicadas de xestionar coa infraestrutura de universidade actual en rede, con competencias de xestión nos centros e nos departamentos. Fíxose un estudo das fortalezas da UDC para apoiar sobre elas as especializacións e que fosen as estruturas destes campus as que coordinasen as actividades de docencia, investigación e transferencia e servisen para captar recursos de financiamento. Así xorde, primeiro, o Campus Industrial de Ferrol, xa implantando e que está a ter moi bos resultados e, na Coruña, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova. Sustentabilidade entendida dunha forma ampla, non só baseada nas fortalezas construtivas ao ser a UDC a única universidade do cadrante do noroeste español con todas as titulacións da área da construción; senón tamén desde un punto de vista da economía circular, do medio ambiente e da calidade de vida. Innova porque a UDC é un referente en todo o relativo ás novas tecnoloxías e que se configurou en tres vías: Innova TIC, Innova Tech e Innova Humanitas. Os campus fixeron un estudo para ver o mapa de titulacións vinculadas ás especializacións e así se plantexaron os novos títulos. O Grao en Xestión Industrial da Moda, primeiro en Galicia co 40% das materias obrigatorias en inglés; e o Grao en Paisaxe, primeiro interuniversitario cos dous primeiros anos no Campus de Lugo e os dous últimos na Escola de Arquitectura, xa implantados. Para o próximo curso implantaranse o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, o Grao en Información e Documentación Dixital, o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica e para o seguinte curso, o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Isto todo, explicou o reitor, faise cuns principios de xestión económica moi rigorosos. “Estabamos nunha situación de emerxencia e estamos nunha situación complicada”, desvelou, engadino que “temos unha política de financiamento moi clara: manter as axudas aos estudantes, que están en dous millóns de euros anuais, e manter o plantel de persoal, profesorado e persoal de administración e servizos, con programas de estabilización e promoción do profesorado aproveitando ao máximo as nosas capacidades. “A defensa da plantilla é un principio básico”, asegurou categórico o reitor. Isto implica, continuou, restrinxir todos os demais gastos e o que máis está sufrindo son as partidas de infraestruturas e a renovación tecnolóxica.

O decano, José Antonio Seoane, interveu para moderar o debate e fixo unha reflexión valorando o labor da facultade no que respecta aos graos internacionais que son “unha boa opción aínda que o profesorado necesitaría unha compensación horaria como apoio”. Seoane gabou tamén o traballo do PAS “moi eficiente”, dixo, pero que ás veces hai disfuncións no caso de baixa ao non haber ninguén con coñecementos dese posto para substituílo. “Requírese unha política de especialización de PAS e máis reforzos”, demandou. Para o reitor o problema máis que de carencia de persoal é de distribución da plantilla e de rixidez, engadindo que hai moitos compartimentos estancos e falta flexibilidade.

O debate tratou tamén o tema das prácticas do alumnado e como se van ver afectadas co decreto de pago da Seguridade Social que pode inhibir ás empresas. O secretario Xeral considerou que as prácticas curriculares non se van ver afectadas polo decreto, no que respecta ás extracurriculares estase vendo como mellorar a súa coordinación a través da FUAC. Finalmente, un dos profesores reclamou que se estipule en normativa a figura dun titor dedicado en exclusiva aos Traballos de Fin de Grao, ao que o reitor alegou que así estaba na normativa proposta que as centrais sindicais rexeitaron. “Os TFG e TFM é un aspecto dos peor resoltos en Boloña, pois é unha carga moi forte para o profesorado”, manifestou e engadiu que a normativa actual da UDC permite que cada centro regule a lectura desas materias como mellor lle conveña.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC