A ministra Sira Rego visita o CITIC da UDC para coñecer o potencial das TIC con enfoque social entre a mocidade

Nota de prensa

23/10/25 15:17

  • Institucional
  • A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, acompañada do secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez, visitou hoxe o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, onde coñeceu de primeira man as liñas de traballo e os proxectos orientados a impulsar a cultura científica desde idades temperás, como o proxecto Talentos Inclusivos. 
  • A visita serviu para abrir novas vías de colaboración entre o Ministerio e o centro universitario. 
  • Durante o encontro co persoal investigador, abordouse a posibilidade de que o CITIC colabore no desenvolvemento da Estratexia Nacional de Contornas Dixitais Seguras, no marco da aposta común por promover un uso responsable e socialmente comprometido das TIC entre a mocidade.

 

A Coruña, 23 de outubro de 2025. – A ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, acompañada do secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez, visitou esta mañá o CITIC da Universidade da Coruña, no marco dun convenio que se asinará nos vindeiros días para promover a cooperación e o desenvolvemento científico, cultural e tecnolóxico no ámbito da infancia e a mocidade. No Centro TIC da UDC coñeceu de primeira man as liñas de investigación e os proxectos orientados a promover a cultura científica entre a mocidade a través do uso das tecnoloxías da información con fins sociais.

A ministra foi recibida por Ana Isabel Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social; Amalia Jácome Pumar, adxunta de Investigación da UDC; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o director do CITIC, Manuel González Penedo; e o subdirector, Javier Pereira. A dirección do CITIC presentou as principais áreas de traballo do centro, destacando a súa aposta por achegar a investigación á sociedade e espertar vocacións STEM desde idades temperás.

“O noso sinal de identidade como centro é que todo o que fagamos aquí teña un impacto social. Captar talento novo é un reto, por iso impulsamos programas escolares que acheguen a ciencia e a tecnoloxía ás aulas”, sinalou o director do CITIC.

Durante o encontro, varios investigadores do centro presentaron o seu traballo en áreas aliñadas cos obxectivos do Ministerio de Mocidade e Infancia. Francisco Bellas Bouza explicou as iniciativas en intelixencia artificial aplicada á educación, orientadas a formar a persoal docente e estudantado no uso responsable da IA, entre outras. Javier Pereira Loureiro e Betania Groba González amosaron os avances en tecnoloxías para a inclusión a través de Talentos Inclusivos, mentres que Adriana Dapena Janeiro expuxo as actividades de divulgación científica e fomento de vocacións STEM que o CITIC desenvolve con centros educativos.

 

TIC para a inclusión

A visita continuou na Sala de Realidade Virtual, onde se presentaron proxectos enmarcados no programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa de referencia a nivel autonómico e estatal que involucra alumnado de secundaria, bacharelato e Formación Profesional no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas accesibles.

A ministra Sira Rego destacou o valor social e educativo deste tipo de iniciativas: “A contorna dixital tamén é unha fonte de oportunidades. No CITIC creastes puntos de encontro e ferramentas de inclusión e de uso comunitario a través da tecnoloxía”. Así mesmo, a ministra expresou o seu interese en explorar vías de colaboración no marco da Estratexia Nacional de Contornas Dixitais Seguras, recoñecendo o labor do centro de investigación da UDC no uso responsable e socialmente comprometido das TIC.

Para finalizar a visita, tres investigadores amosaron os seus traballos orientados ao uso da realidade virtual para persoas con discapacidade. En primeiro lugar, Emilio Padrón presentou un sistema de visualización inmersiva de reformas domésticas para mellorar a accesibilidade. Pola súa parte, Betania Groba e Manuel Lagos presentaron Supermercado 4.0, unha aplicación de realidade virtual (RV) para o adestramento de habilidades motoras, cognitivas e funcionais en persoas con discapacidade e poboación maior.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

CIT08873

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC