A Coruña, 22 de maio de 2024.- A Universidade da Coruña recibiu a visita dunha delegación da empresa Huawei coa que se mantiveron varios encontros de traballo para analizar posibles vías de colaboración conxunta en materia tecnolóxica, concretamente de análises de datos e desenvolvemento sostible.
O reitor, Ricardo Cao, xunto co vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, foron os encargados de recibir aos responsables da compañía tecnolóxica á súa chegada á UDC. Logo dunha visita á Cidade das TIC, o grupo trasladouse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), onde mantiveron un encontro co subdirector, Javier Pereira; os investigadores Amparo Alonso e Luís Castedo, e outro persoal do centro, Javier Garrido, Cristina Villar e Marta Trueba.
Alí celebráronse diversas reunións técnicas ao longo de toda a mañá, vinculadas a posibles alianzas no ámbito da aplicación de técnicas de manexo e transferencia de grandes masas de datos en distintos sectores produtivos, e da repercusión da xestión de datos no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC