A Universidade da Coruña participa na Semana da Arquitectura de Ferrol, que renderá homenaxe a Alfredo Alcalá Navarro

Nota de prensa

4/10/24 14:41

  • Institucional
  • O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña, Miguel Abelleira, participou hoxe na presentación do evento.
  • As actividades levaranse a cabo no marco do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra o día 8 de outubro. 

A Coruña, 4 de xuño de 2024.- Esta mañá tivo lugar, no Concello de Ferrol, a rolda de prensa de presentación da Semana da Arquitectura do Concello de Ferrol, que terá lugar entre os días 10 e 11 de outubro, no marco da celebración o día 8 deste mes do Día Mundial da Arquitectura.

O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) da Universidade da Coruña, Miguel Abelleira,  participou hoxe no Concello de Ferrol no acto de presentación, xunto coa concelleira de Urbanismo do Concello de Ferrol, Blanca García, e a presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Ferrol, Carmen Parapar.

Ademais de ser un recoñecemento á importancia desta disciplina como arte e como instrumento de transformación social, esta iniciativa ten como obxectivo render homenaxe e poñer en valor o legado dun dos arquitectos que deixou unha fonda pegada en Ferrol,  Alfredo Alcalá Navarro (Ciudad Real, 1940- Ferrol, 2023).

Durante a presentación, Miguel Abelleira lembrou que a ETSAC “debe xogar un papel fundamental na sociedade”, non só no ámbito formativo, senón que “debe ir máis aló, e esta semana é boa mostra disto”. Así mesmo, puxo de manifesto “a importancia de convencer á sociedade de que merece unha arquitectura de calidade, e Alfredo Alcalá deixou mostras inequívocas desta calidade” e concluíu co desexo de que esta iniciativa se manteña no tempo.

As actividades da Semana da Arquitectura comezarán o xoves, día 10 de outubro, con visitas guiadas a algunhas das obras máis emblemáticas de Alcalá Navarro: as Vivendas de Breogán (17:30 horas), o Ateneo Ferrolán (18:30 horas) e a Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol (19:30 horas). Estas visitas contarán co acompañamento dun arquitecto que explicará diferentes elementos dos edificios.

O venres 11 inaugurarase a exposición “Alcalá, arquitectura e materialidade 1966-2011” na Praza de Armas (18:30 horas) con paneis explicativos da súa obra e, posteriormente, ás 19:00 horas, o edificio de Afundación acollerá a proxección do vídeo “Conversas no Pazo con Alfredo”, unha peza que ofrece unha visión íntima e persoal do arquitecto. Na mesma localización sucederanse a presentación do libro “Alfredo Alcalá Navarro: vivendas na rúa Breogán 1974-1976” e a conferencia “Alfredo Alcalá, unha visión persoal”, na que se compartirán experiencias vividas co arquitecto.

Todas as actividades son gratuítas e non é necesaria inscrición previa.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC