A Coruña, 13 de xaneiro de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron esta mañá aos sete novos investigadores Ramón y Cajal captados pola UDC.
Juan Manuel Bermúdez García, José Luis Rodríguez Sánchez, Vanessa Álvarez López, Juan Antonio Fafián Labora, Verónika Georgieva Chobanova, Cristina Fernández Bessa, e Luis Alejandro Blanco son as novas incorporacións como investigadores Ramón y Cajal durante os próximos cinco anos co compromiso da UDC de posterior incorporación ao plantel estable de persoal docente e investigador.
O reitor agradeceu aos Ramón y Cajal que elixisen a Universidade da Coruña para realizar a súa carreira profesional. Abalde manifestou que o elevado número de investigadores captados nesta convocatoria responde a un traballo realizado polo seu equipo de goberno desde hai sete anos, cunha liña estratéxica de captación e retención de talento que incorpora ademais a posibilidade de estabilización dos investigadores captados. “Este equipo aposta polo talento novo, que servirá para que a investigación da UDC dea un salto cualitativo ademais de contribuír á súa proxección internacional”, xa que todos os investigadores Ramón y Cajal que comezan agora teñen xa traxectoria en universidades e centros de investigación foráneos. O reitor rematou a súa intervención desexándolles “os maiores éxitos posibles”.
Para o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia “o talento é a base de todas as institucións e máis na universidade” polo que agradeceu tamén aos novos investigadores a súa elección da UDC para desenvolver os seus proxectos de investigación.
O programa Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación promove esta convocatoria para incorporar persoal investigador, español ou estranxeiro, cunha traxectoria destacada, en universidades e centros de I+D españois. A convocatoria Ramón y Cajal está considerada como a máis relevante para captar e reter talento investigador en universidades e centros de investigación. As persoas beneficiarias terán financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación durante cinco anos para desenvolver o seu proxecto investigador na universidade ou centro que elixan. A Universidade da Coruña complementa este financiamento con axudas propias ademais de dar facilidades para estabilizar a este persoal investigador excelente ao remate da vixencia da súa axuda estatal.
Juan Manuel Bermúdez García. Licenciado en Química (Universidade de Granada) e Doutor en Química Ambiental e Fundamental (Universidade da Coruña), con experiencia en centros internacionais (Universidade de Oxford, Universidade de Cambridge), é investigador Ramón e Cajal no Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña no que desenvolve novos materiais sólidos como alternativa aos gases de refrixeración e calefacción actuais, moitos dos cales se prohibirán entre 2030-2050 por contribuír ao quecemento global. Así, Bermúdez tivo un papel importante no descubrimento das “perovskiñas” e os “respiro-calóricos”, materiais sólidos que transforman pequenas presións e reutilizan CO2, respectivamente, para arrefriar e/ou quentar segundo a necesidade, minimizando o impacto ambiental.
José Luis Rodríguez Sánchez. Doutor en Física Nuclear e de Partículas pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras o seu doutoramento, trasladouse á Universidade de Paris-Saclay para traballar no Centro de Investigacións sobre as Leis Fundamentais do Universo (IRFU) onde se centrou no estudo da dinámica e estrutura nuclear de núcleos pesados e na investigación de núcleos exóticos formados por protóns, neutróns e hiperones. En 2017 obtivo unha bolsa postdoutoral da Xunta de Galicia para traballar no centro internacional de investigación GSI/FAIR situado en Darmstadt (Alemaña) onde realizou novos experimentos de física nuclear que axudarán a entender mellor a formación de núcleos pesados no universo, así como a formación das famosas estrelas de neutróns. Incorpórase ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus de Ferrol.
Vanessa Álvarez López. Licenciada en Bioloxía pola Universidade de Santiago no 2010 e Doutorada no Programa de Medio Ambiente e Recursos Naturais no 2016 pola USC. A súa liña de investigación central versa na avaliación da saúde do só (a través de análises microbiolóxicas) en distintos sistemas produtivos, facendo énfase no establecemento de diferentes indicadores microbiolóxicos como estimadores da sustentabilidade destes sistemas. Incorpórase ao CICA.
Juan Antonio Fafián Labora. Licenciado en Química pola Universidade de Santiago de Compostela en 2012 e Doutor en 2016 pola Universidade da Coruña. A súa investigación baséase no estudo da influencia do envellecemento nas capacidades terapéuticas das células nai. Realizou unha estadía postdoutoral de dous anos no Blizard Institute, Queen Mary University of London, Reino Unido, onde comezou o estudo do papel da comunicación intercelular en senescencia celular e rexuvenecemento. En 2019, retornou á Universidade da Coruña cunha axuda postdoutoral financiada pola Xunta de Galicia. Actualmente é investigador Ramón e Cajal na UDC e a súa investigación está centrada no desenvolvemento de novas terapias baseadas na comunicación intercelular mediada por vesículas extracelulares para o tratamento de enfermidades asociadas á idade e ao cancro. Incorpórase ao CICA.
Verónika Georgieva Chobanova. Dedícase a medir propiedades fundamentais de partículas elementais que poderían dar pautas sobre a orixe do Universo. Fixo os seus estudos e o doutoramento no Instituto Max Planck de Física en Múnich analizando datos do experimento Belle en Xapón. Estivo como posdoc na USC en 2015 e desde entón traballa en medidas nun dos experimentos do Gran Colisionador de Hadrones, LHCb. Esta será a súa liña de investigación tamén na UDC.
Cristina Fernández Bessa. Doutora en Dereito, especialidade en Criminoloxía e socioloxía xurídico-penal pola Universitat de Barcelona (UB). Foi docente e investigadora na UB, a Universitat Autònoma de Barcelona e a Universitat Pompeu Fabra e investigadora visitante postdoutoral na Northern Arizona University (EEUU), a Università degli Studi dei Torino (Italia) e a Polish Academy of Sciences (Polonia). Investiga sobre o uso do sistema penal para o control migratorio e a xestión policial dos problemas sociais.
Luis Alejandro Blanco. Licenciado en Bioloxía pola UDC, especializouse en Biodiversidade Animal na Universidade de Barcelona e doutorouse en Paleontoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigador postdoutoral dos programas da Xunta de Galicia e Juan de la Cierva, primeiro na Bayerische Staatssammlung für Paläontologie und Geologie (Múnich) e posteriormente na UDC. A súa investigación principal céntrase en coñecer a diversidade e a historia evolutiva dos crocodyliformes e dinosauros. Ademais, tamén estuda o rexistro fósil de vertebrados do Paleóxeno de Galicia. Incorpórase á Facultade de Ciencias.
Con estas sete novas incorporacións, a Universidade da Coruña suma xa un total de 21 investigadores Ramón y Cajal.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC