A Universidade da Coruña e o Concello colaboran para reparar o vial do campus de Elviña á Zapateira e a apertura do peche perimetral do edificio NORMAL

Nota de prensa

9/07/21 13:46

  • Institucional
  • A UDC acometerá este verán as obras de reparación integral do vial de Elviña á Zapateira que incluirán ademais a creación dun tramo de carril bici.
  • O recinto do edificio NORMAL abrirase á cidadanía coa substitución do peche perimetral por bancos e árbores, nos próximos meses.
  • O Pleno do Concello da Coruña deu o visto bo ao convenio para efectuar estas obras así como aprobou a modificación urbanística para a ampliación do CITIC.

 

A Coruña, 9 de xullo de 2021.- A Universidade da Coruña comezará este verán varias obras de mellora dos seus campus logo de que onte o Pleno do Concello da Coruña aprobase onte os convenios polos que se regula a colaboración entre ambas entidades así como o financiamento municipal para estes traballos.

Por un lado, acometeranse obras para urbanizar a contorna da Escola Técnica Superior de Arquitectura e a Facultade de Ciencias co fin de garantir unha mellor accesibilidade. Trátase do acondicionamento de infraestruturas viarias do campus de Elviña á Zapateira e na praza da Zapateira que se atopan moi deterioradas. As obras realizaranse en dúas fases. Os traballos terán lugar no tramo da rúa que vai do campus de Elviña ao campus da Zapateira. Ademais de facer unha reparación integral da vía aproveitarase a obra para incluír un tramo de carril bici que una os dous campus. Este viario sobre todo no tramo da praza da Zapateira, está moi deteriorado debido ás escorrentías subterráneas que descalzan o chan polo que é necesaria unha intervención profunda.

Ademais, levaranse a cabo obras de mellora da accesibilidade na contorna do Espazo de Intervención Cultural da Universidade, NORMAL. Os traballos consistirán na reposición do pavimento e o derribo do peche do edificio. Esta obra segue o plan de apertura do campus de Riazor iniciado coa demolición do peche do CUR e a apertura do xardín á cidadanía. No caso do edificio de NORMAL substituirase o actual peche perimetral por unha ringleira de bancos e arborado, para humanizar e ofrecer á cidadanía un espazo máis amable.

As obras financiadas polo Concello da Coruña cun orzamento de 120.000 euros, executaranse no verán para alterar o menos posible o tráfico, no caso do viario de Elviña á Zapateira, e a actividade académica do colexio adxacente ao edificio Normal e garantir a seguridade dos usuarios do centro escolar.

O Pleno municipal aprobou tamén o estudo de detalle para ampliar o edificio do Centro de Investigación Tecnolóxica da Información e das Comunicacións (CITIC) no Campus de Elviña da Universidade da Coruña. A ampliación realizarase no patio existente entre ambos os dous edificios existentes e estará destinado a laboratorios e espazos comúns. O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, sinalou onte no Pleno que o estudo conta cos preceptivos informes sectoriais do ADIF, do Estado e da Dirección Xeral de Aviación Civil. A ampliación, sinalou, “serve para mellorar as capacidades do CITIC e, polo tanto, as capacidades investigadoras deste importante centro de referencia en materia de novas tecnoloxías da Universidade da Coruña”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC