A Universidade da Coruña e a Fundación María José Jove convocan a VI Edición do Programa de Residencias Artísticas

Nota de prensa

27/03/26 12:00

  • Institucional
  • Están dotadas con 6.000 euros cada unha en concepto de honorarios, gastos de produción e viaxe e os beneficiarios contarán cun espazo de traballo individual, aloxamento, acompañamento curatorial durante o proxecto e un acto de presentación de resultados.
  • As persoas interesadas terán de prazo ata o 19 de xuño para solicitalas.

A Coruña, 27 de marzo de 2026

O Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña NORMAL, en colaboración co Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ), lanzan a VI Edición do Programa de Residencias Artísticas, iniciativa que ten como obxectivo apoiar a creación artística que se aproxime, desde unha reflexión crítica, ás dinámicas, memorias e resonancias do contexto máis próximo.

Este programa ofrece aos artistas unha contorna propicia para a creación e a investigación, fomentando o desenvolvemento dun marco conceptual que axude a interpretar problemáticas contemporáneas nas súas dimensións sociais, culturais e territoriais.

A presente edición do programa consiste na convocatoria a dúas residencias artísticas, dotadas con 6.000 euros cada unha en concepto de honorarios, gastos de produción e viaxe. Ademais proporciónanselle os seguintes recursos aos artistas seleccionados:

- Espazo de traballo individual no Espazo de Intervención Cultural Normal

- Aloxamento en Residencia Universitaria, na Coruña

- Acompañamento curatorial durante o desenvolvemento do proxecto

- Presentación pública dos resultados ao finalizar a residencia

A duración mínima da residencia será dun mes, e a máxima tres, e os proxectos deberán realizarse durante o terceiro cuadrimestre do ano, entre setembro e decembro de 2026.

O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, día 27 de marzo ata o 19 de xuño de 2026. As solicitudes deben enviarse a través do correo electrónico de Normal (normal.comunicacion@udc.gal), achegando o formulario de inscrición e a documentación requirida (DNI, síntese do proxecto, CV e carta de intencións). Máis información e bases aquí.

A resolución da convocatoria será anunciada a finais de xullo de 2026.

Valoración de propostas

As propostas serán avaliadas por un xurado composto por Juan Canela, crítico de arte e comisario, actualmente curador xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá (MAC Panamá); Marta Mestre, comisaria do Museo de Arte Contemporánea MAC/CCB, Lisboa; Susana González, comisaria e directora do Centro de Arte FMJJ/Colección de arte FMJJ e Cristina Naya, responsable de Normal e vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC.

Criterios de selección

As propostas serán valoradas en función da súa orixinalidade e innovación, a coherencia cos obxectivos da convocatoria e a súa capacidade para xerar colaboracións multidisciplinares.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC