A Universidade da Coruña dálle a benvida ao novo estudantado no #OLAUDC

Nota de prensa

18/09/24 13:09

  • Institucional
  • A Universidade da Coruña organiza unha xornada de benvida para o alumnado nos Campus da Coruña e Ferrol este xoves, 19 de setembro.
  • Na Coruña comezará ás 11:30 horas, mentres que no Campus de Ferrol dará comezo ás 11:00 horas.

A Coruña, 18 de setembro de 2024.- O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, será mañá xoves, día 19 de setembro, ás 11:30 horas, o encargado de abrir a xornada de benvida ao estudantado, #OLAUDC, do presente curso académico no Estadio Mariña Dourada,  no Campus de Elviña.

O #OLAUDC desenvolverase en horario de mañá e tarde, de 11:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 horas, no Campus da Coruña; mentres que no Campus de Ferrol terá lugar na Praza de Humanidades en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas.

Durante esas franxas horarias, ambas as dúas localizacións contarán con decenas de postos informativos, moitos deles da propia UDC. Neles estarán representados os servizos universitarios, asociacións estudantís, clubs deportivos e outras asociacións, así como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña a través de Europe Direct ou a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Todas as persoas asistentes recibirán unha bolsa da UDC e terán opción de participar en varios sorteos de merchandising e mesmo varias caixas sorpresa con material publicitario da Universidade.

O evento incluirá tamén varias actividades culturais, medioambientais e deportivas, tales como tiro con arco, fútbol gaélico, rugby ou mesmo Quiditch, o deporte practicado polos personaxes da saga Harry Potter, de J. K. Rowling.

 

Foto: imaxe da xornada #OLAUDC do ano 2023.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC