A Coruña, 9 de maio de 2025.- A Universidade da Coruña celebrará desde o próximo luns, día 12 de maio, un claustro extraordinario en sesión permanente -que se prevé que durará dous días- para a aprobación dos novos Estatutos da UDC. A reunión deste órgano iniciarase o luns ás 9,30 horas para debate e votación de emendas, un total de 60. Finalizado este proceso, elaborarase un texto refundido, que será sometido a votación e que precisará do apoio da maioría absoluta dos claustrais.
O proxecto de Estatutos que se propón é o resultado dun amplo proceso participativo que se desenvolveu entre outubro do ano 2024 no que se constituíron os catro grupos de traballo (estrutura da UDC; órganos unipersoais e colexiados; servizos da universidade, xestión económica e orzamentos; e comunidade universitaria) e o pasado 9 de abril cando rematou o trámite de información pública.
Unha vez rematado este proceso, foi o pasado 11 de abril cando quedou aprobado pola Mesa do Claustro o proxecto de Estatutos, conformado por 194 artigos e dividido en Título Preliminar e oito Títulos, e abriuse un prazo de emendas ata o 30 de abril, que agora serán debatidas nesta sesión de Claustro.
O texto, que será sometido a debate a próxima semana, recolle no Preliminar as ideas forza, principios e valores que conforman a esencia da Universidade da Coruña. Neste apartado, faise referencia a aspectos como a lingua propia, a identidade e cultura patrimonial, o deporte e a internacionalización, entre outros aspectos.
O Título I refírese á estrutura da Universidade (facultades e escolas, departamentos… O Título II recolle disposicións específicas sobre o estudantado, o profesorado o, persoal técnico e de administración e o persoal de investigación.
Os órganos de goberno e representación na Universidade e o réxime xurídico dos órganos colexiados e unipersoais forman parte do articulado do Título III. Un apartado no que tamén se inclúen as garantías dos dereitos da comunidade universitaria.
No Título IV regúlanse os principios xerais de actuación, as unidades administrativas básicas, a inspección de servizos, as fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas e as entidades ou empresas baseadas no coñecemento.
Polo que se refire ao Título V, este recolle a actividade da Universidade: docencia, investigación, transferencia e transmisión de coñecementos, así como os servizos universitarios.
O VI está protagonizado polo réxime económico-financeiro, control interno e o patrimonio da Universidade mentres que o VII establece o réxime de celebración de actos académicos, outorgamento de honras e imaxe corporativa e institucional da Universidade.
Finaliza o texto co Título VIII, que regula a reforma dos Estatutos, e con 4 disposicións adicionais, 3 transitorias, 1 derrogatoria e 1 final.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC