A Coruña, 22 de maio de 2026
A Universidade da Coruña celebrou esta mañá o Día das Letras Galegas 2026 cun acto institucional dedicado á figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano pola súa achega á literatura e ao xornalismo galego contemporáneo.
O acto deu comezo coa apertura institucional a cargo do reitor da UDC, Ricardo Cao Abad; da vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya Riveiro; e da vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López Vilar.
Na súa intervención, o reitor destacou a figura de Begoña Caamaño “fundamental da nosa literatura contemporánea, pero tamén do xornalismo e do pensamento crítico”. Cao, subliñou que a obra de Caamaño permítenos “facer algo que esencial tamén para a universidade: cuestionar, reinterpretar e abrir novas preguntas. E iso é, en boa medida, o corazón da nosa misión”, concluíu.
Pola súa banda, Cristina Naya avanzou a edición especial conmemorativa preparada polo Servizo de Publicacións da UDC con motivo das Letras Galegas, “De Esmelle a Ítaca”, escrito por Emma Pedreira e María Besteiros, que pretende achegarnos á figura e á obra de Caamaño, e que será presentado coas propias autoras nos próximos días.
Nesta ocasión, indicou Naya, “apostamos por acompañar a homenaxe a Begoña Caamaño cunha publicación que non se limitase á lembranza ou á simple recapitulación (bio)bibliográfica, senón que convidase á lectura activa, ao diálogo e á reinterpretación da súa obra”.
Desde a Universidade da Coruña, engadiu, queremos ver esta cita anual coas Letras Galegas coma un elo dunha liña de traballo máis ampla: a de fomentar desde a universidade unha cultura viva, aberta e comprometida coa igualdade, coa creación contemporánea e coa proxección social do coñecemento.
Tras a apertura institucional, celebrouse a conversa “Begoña Caamaño, entre o xornalismo e a literatura”, conducida pola profesora do Departamento de Letras da UDC Carme Fernández Pérez-Sanjulián e na que participaron a xornalista e escritora Ana Romaní e a docente e escritora Marga do Val. Neste espazo, as convidades abordaron o legado intelectual e creativo da autora homenaxeada, así como a súa contribución á cultura galega.
Premios e 25 anos universidade Senior
Finalmente, tivo lugar o acto de entrega de premios I Certame Literario "Fíos da memoria", organizado pola Universidade Sénior da UDC con motivo do Día das Letras Galegas e do 25 aniversario da súa creación, para dar visibilidade á creatividade do seu alumnado.
O primeiro premio foi para Mª Cruz Pena Penabad, mentres que os dous accésits recaeron en Encarna Fernández Deibe e Ana María Gago Pardo.
A xornada rematou cunha actuación musical a cargo do grupo Ponticellas, na que se interpretaron “Lela”, con texto de Alfonso R. Castelao e arranxo para cuarteto de chelos; “Son do ar”, de Luar na Lubre; e o Himno de Galicia.
Con esta iniciativa, a UDC sumouse á celebración do Día das Letras Galegas 2026, ensalzando a a figura de Begoña Caamaño e reivindicando o papel do pensamento crítico e a creación cultural na sociedade galega contemporánea.


Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC