A Universidade da Coruña celebra a inclusión de dous novos centros (CITEEC e CICA) e a renovación do CITIC na rede de excelencia de Galicia

Nota de prensa

30/04/24 14:50

  • Institucional
  • A aprobación onte, por parte do Consello da Xunta de Galicia, deste recoñecemento supón un maior peso da UDC na Rede CIGUS, ao pasar de obter un 12% dos recursos financeiros no anterior plan 19-22 ao 20% do actual.
  • O Consello de Goberno da UDC celebrou hoxe sesión ordinaria, na que se valorou moi positivamente esta incorporación.
  • A axenda co gallo das Letras Galegas, as modalidades docentes, a toma de coñecemento das táboas de ponderación da ABAU 2025 ou o cambio na Oficina de Medio Ambiente foron outros dos temas tratados na reunión do Consello de Goberno da UDC.

A Coruña, martes 30 de 2024.- O Consello de Goberno da Universidade da Coruña reunido esta mañá na Reitoría da UDC, celebrou a inclusión de dous novos centros, CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía) e CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), na rede de excelencia de centros de investigación de Galicia. Un novo paso ao que se suma a renovación da cualificación na máxima categoría coa que xa contaba o CITIC (Centro de Investigación TIC).

Con estas novas inclusións, aprobadas no día de onte por parte do Consello da Xunta de Galicia, a UDC eleva o seu peso na rede de centros de excelencia de Galicia, dous na máxima categoría (CITIC e CICA) e un na segunda, a dos denominados centros colaborativos. Un novo paso de cara a impulsar a investigación da institución universitaria, que suma ademais a súa participación no Centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), interuniversitaria, que tamén alcanzou a cualificación de centro colaborativo.

Isto supón un forte aval financeiro para estes centros que recibirán preto de 5 millóns de euros da Rede de Investigación de Excelencia.  

 

Modalidades docentes e ponderación ABAU

Por parte do equipo de Goberno presentouse así mesmo, a normativa que define á UDC como universidade presencial e regula as diferentes modalidades docentes de estudo.

Así mesmo, regulouse o acceso de estudantes internacionais ás prazas das residencias da UDC, dándose prioridade a aquelas persoas procedentes de países cun índice baixo de desenvolvemento humano ou con discapacidade.

Anunciouse o catálogo de cursos de verán do Centro de Linguas, así como un cambio no modelo de relación deste centro, que prestará servizos a outras entidades demandantes de competencias lingüísticas, como o TSXG co que xa se está traballando para facilitar o ensino da lingua galega entre os xuíces e xuízas desprazados na comunidade autónoma.

O Consello de Goberno tomou coñecemento das táboas de ponderación da ABAU 2025 e os criterios de acceso.

 

Axenda para celebrar as Letras Galegas

A reunión de hoxe serviu tamén para explicar os actos cos que a Universidade da Coruña quere celebrar o Día das Letras Galegas. Haberá dous concertos de Chicharrón, banda galega que realizarán unha sesión o 15 de maio en Ferrol e outro o día 23 na Coruña (no espazo de intervención cultural da UDC NORMAL).

O acto central será o mércores 15 de maio no Paraninfo, cando centros de educación primaria e secundaria realizarán a lectura de poemas de Luisa Villalta, a autora homenaxeada, evento ao que está invitada toda a comunidade universitaria.

 

Impulso á mobilidade sustentable

Co gallo de impulsar unha mobilidade máis limpa e eficiente e de seguir avanzando en liñas que melloren os indicadores medioambientais da UDC, múdase a Oficina de Medio Ambiente (OMA), que pasa a ser Oficina de Sustentabilidade, cun enfoque máis sistémico e amplo. Á súa fronte nomeouse a Armand Hernández, investigador contratado polo programa RyC no CICA. Ademais de continuar a importante labor que xa viña desenvolvendo a OMA, iniciouse un estudo sobre a mobilidade da comunidade UDC, co obxectivo de achegar estratexias de mellora para o transporte público ás institucións con competencias na materia, dende a conciencia da problemática do aloxamento do estudantado.

 

Na procura de maior benestar

Co obxectivo de seguir avanzando en prácticas saudables e na mellora do benestar da comunidade universitaria, desde a UDC estase a traballar nun plan de saúde e benestar psicosocial da Universidade da Coruña para o que se abrirá proximamente un proceso participativo. Tamén se está a reforzar o Programa Afrontemos que atende a saúde mental da comunidade universitaria.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC